Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela: homenaxe ás mulleres da illa de San Simón

Concello de Redondela
27-01-2021
0
O Concello de Redondela: homenaxe ás mulleres da illa de San Simón

O Concello de Redondela presentou hoxe os actos que se desenvolverán como homenaxe ás mulleres da illa de San Simón, que durante a Guerra Civil e a posguerra construíron unha rede solidaria de axuda aos represaliados prisioneiros na illa redondelá.

A previsión é que os actos comecen en abril aínda que supeditada á evolución da pandemia e esténdanse durante o resto do ano con exposicións fotográficas itinerantes, de xeito que cheguen a todas as parroquias, elaboración de curtametraxes con entrevistas ás mulleres ou familiares para posteriormente elaborar unha ampla reportaxe e a inauguración, o 14 de abril, dunha escultura realizada pola escola de cantería da Deputación de Pontevedra e que sexa un recordatorio permanente a ese grupo de mulleres que axudaron ás persoas represaliadas.

A escultura será situada na zona do Alto da Concheira, preto de Rande, lugar coincidente cun dos 'puntos negros? da represión franquista: máis de vinte persoas apareceron fusiladas neste lugar.

Buscando que os nenos e nenas tamén sexan partícipes desta homenaxe, para as idades escolares, o concello anunciou a celebración de diversas actividades e a compra de exemplares do libro A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto e editado por Xerais.

Tal e como sinalou o técnico de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, o programa darase a coñecer a medida que a evolución da COVID-19 vaia permitindo a realización das actividades.

A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, salientou a importancia desta homenaxe que é poñer en valor “o heroísmo desas mulleres de Redondela, Cesantes, Cedeira, Reboreda e Ventosela que, pese aos impedimentos dos tempos máis duros da ditadura franquista, foron quen de axudas aos centos de represaliados que agardaban un destino incerto na Illa de San Simón”.

“Recoñecemos nelas a calidade humana, a capacidade de axudar aos que máis o precisan, a forza solidaria que sempre amosaron os redondeláns e redondelás en tempos difíciles”, afirmou Digna Rivas. “É hora de que todas e todos, dende os maiores aos máis cativos e cativas, saiban do seu valor e sirvan de guía e exemplo para vindeiras xeracións”.