Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Chapela e Redondela homenaxearán a Xela Arias con actos nas alamedas Rosalía de Castro e Castelao

Concello de Redondela
12-05-2021
0
Chapela e Redondela homenaxearán a Xela Arias con actos nas alamedas Rosalía de Castro e Castelao

As actividade, organizadas polas concellerías de Normalización Lingüística e Cultura buscan poñer en valor a figura da poetisa e tradutora á quen neste ano se dedica o Día das Letras Galegas. A alameda Rosalía de Castro de Chapela, o sábado 16 de maio, e a alameda Castelao de Redondela, o 17 de maio, son os lugares elixidos para desenvolver os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que, neste ano 2021, dedícase á tradutora e poetisa Xela Arias.

As actividades, organizadas polas concellerías de Normalización Lingüística e Cultura, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro Daniel Boullosa, respectivamente, buscan poñer en valor a figura de Xela Arias polo que, a maiores dos actos conmemorativos do domingo e luns, desenvolveranse actividades paralelas durante todo o mes dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral.

Así, o domingo 16 de maio, ás 18 horas, a Alameda Rosalía de Castro de Chapela acollerá o acto de presentación da homenaxe a Xela Arias no que se contará coa participación do Coro de Voces Graves de Vigo e a Coral O Piñeiral de Chapela, que interpretarán Dis ma-ma-má, do libro da propia Xela Arias Darío a diario. O acto contará coa presenza do fillo da homenaxeada, Dario Gil e rematará coa interpretación do himno galego.

O luns, 17 de maio, Día das Letras Galegas, será a Alameda Castelao de Redondela a que acolla o acto institucional ás 18:30 horas. De seguido haberá un concerto a cargo do grupo As Efémeras e os actos rematarán coa interpretación do himno galego.

A maiores, dende principios do mes de maio, a Radio Municipal iniciaba un proxecto titulado 'Xela a Diario. Voces Amigas' organizado polas Bibliotecas Municipais e a narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini.

Do mesmo xeito, os centros escolares terán a oportunidade de coñecer máis sobre Xela Arias a través dun video, pensado para o alumnado de primaria, coa realización de Cuchi Carreira e o guión e interpretación da contadora e actriz Raquel Queizás, nun proxecto das Bibliotecas Municipais e a Concellería de Cultura.