Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela mantén a súa aposta pola inclusión social das persoas xordas e xordocegas

Concello de Redondela
22-09-2021
0
Redondela mantén a súa aposta pola inclusión social das persoas xordas e xordocegas

Coincidindo coa Semana Internacional das Persoas Xordas, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de anunciar a posta en marcha do Servizo Municipal de Accesibilidade en Lingua de Signos que sitúa a Redondela na vangarda dos concellos galegos en canto a igualdade de dereitos das persoas xordas e xordocegas no seu acceso á información e a comunicación.

Este servizo, xestionado pola empresa redondelá EN LINGUA DE SIGNOS ten por obxectivo achegar a administración local ás persoas xordas e avanzar cara unha sociedade máis inclusiva. Entre os servizos que se porán en marcha, destaca o servizo de interpretación de lingua de signos para calquera xestión ante a entidade local.

A partir de agora, as persoas xordas ou xordocegas de Redondela que teñan que facer trámites ou xestións en calquera departamento municipal, poderán solicitar (previa cita) a presenza dunha intérprete de lingua de signos que garanta o seu dereito de acceso á información e á comunicación.

Ademais do servizo de interpretación, o Concello quere achegar a Lingua de Signos á cidadanía con distintas accións formativas e de sensibilización que se irán programando ao longo do ano. O acceso á cultura é outro dos puntos fortes deste novo servizo, que pretende promover actividades culturais máis accesibles. Redondela tamén contará con interpretación de lingua de signos en todos os actos de carácter institucional que sexan de especial relevancia para a cidadanía.

O goberno municipal aposta así por ampliar dereitos ás persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva e tamén procura avanzar na súa inclusión social con accións e actividades dirixidas a toda a veciñanza.

Digna Rivas fixo fincapé na importancia da posta en marcha deste servizo xa que, asegurou, “a inclusión social de todas e todos é o único xeito de avanzar cara un futuro máis solidario, igualitario e xusto”.