Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Alcaldía de Redondela acorda a apertura dun período de información pública sobre o local de apostas

Concello de Redondela
24-10-2019
0
A Alcaldía de Redondela acorda a apertura dun período de información pública sobre o local de apostas

As persoas físicas ou xurídicas poderán examinar o expediente e formular as suxestións, observacións ou alegacións que estimen oportunas.

A Alcaldía de Redondela vén de anunciar a apertura dun período de información pública sobre expediente de apertura dun Salón Recreativo e de Xogo na vila. O prazo de exposición será de 20 días hábiles a partir do momento da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

A alcaldesa Digna Rivas adoptou a decisión cinguíndose ao marcado na lei 10/2017 ‘de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia’ no que fai referencia á concorrencia de razóns de orde pública, seguridade pública, saúde pública e protección do medio ambiente, sinala que será precisa a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica “para o suposto da apertura de establecementos abertos ao público [...] ou que presenten unha especial situación de risco...”

Considera o Concello de Redondela que a apertura do local en cuestión concorre con estes preceptos “por cando a actividade de xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesarias unha intervención por parte da Administración”. Sinala a alcaldesa Digna Rivas que é preciso establecer “mecanismos que ofrezan seguridade ás persoas participantes nos xogos e que garantan a protección das persoas menores de idade”.

Para a alcaldesa Digna Rivas, o período de exposición pública abre as portas a que a veciñanza ou as persoas xurídicas, poidan examinar o expediente “e formular todas aquelas suxestións, observacións ou alegacións que consideren oportunas”.

O Concello, sinalo a Alcaldesa, “independentemente da opinión que sobre a apertura deste tipo de establecementos teña cada quen a título particular, non ten máis ferramenta que aplicación da legalidade”. Nese sentido, engade Rivas, “unha administración non ten medio de impedir a apertura deste tipo de establecementos unha vez que teñan cumpridos todos os trámites establecidos pola lexislación vixente”.

En todo caso, Digna Rivas amosa a súa coincidencia con outros moitos alcaldes e alcaldesas que piden, á Xunta de Galicia que é a que ten competencias nesta materia, “un cambio máis que necesario na regulamentación deste tipo de establecementos”. Dende os concellos, explica, “estanse a solicitar medidas urxentes para a creación de ‘zonas de exclusión’, de tal xeito que a Administración Autonómica regule, de xeito claro, a prohibición de establecer este tipo de locais en zonas escolares, lugares de reunión da mocidade ou lugares de paso frecuentes de menores de idade”. Mentres a Xunta, engade Rivas, “non tome medidas, os Concellos temos as mans atadas”.