Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Iniciadas as obras para a construción do Centro Social de Quintela

Concello de Redondela
01-08-2021
0
Iniciadas as obras para a construción do Centro Social de Quintela

As obras, cun importe de licitación superior aos 423.000 euros, serán financiadas con cargo ao remanente de tesourería e teñen un prazo de execución de catro meses. O Concello de Redondela iniciaba a semana pasada os traballos para a construción do Centro Social de Quintela, obras que se realizan nos terreos cedidos por ADIF-AV e que foron licitadas cun importe de 423.635,22 € con cargo ao remanente de tesourería. Os traballos, adxudicados á empresa Rocas Graníticas del Condado, S.L., teñen un prazo de execución de 4 meses.

Co inicio desta obra dáse resposta a unha vella aspiración da veciñanza de Quintela que carecía, ata o de agora, dun espazo adecuado para a realización das súas actividades sociais, culturais e veciñais.

Este proxecto, que xa fora adxudicado polo anterior Goberno do PP poucos días antes das eleccións municipais de 2019, non puido realizarse por diversas irregularidades detectadas, que provocaron a renuncia da empresa adxudicataria que advertía da dubidosa execución da mesma “ao detectar deficiencias de redacción do proxecto e a esixencia de adquirir uns módulos de marca concreta en contra do indicado na lei de contratos”, aclara a alcaldesa Digna Rivas.

A todos estes impedimentos para “o inicio inminente” que anunciaba o PP, engadíase a denuncia que Colexio de Arquitectos de Galicia presentaba ao “proxecto estrela do PP que demostraba ser só un engano máis á veciñanza, como outros moitos, ao considerar que infrinxía a Lei de Ordenación da Edificación e estaba asinado por un técnico que –segundo informaba o Colexio– non tiña competencias na materia”, engade a rexedora local.

As circunstancias anteriores obrigaron a que, o actual Goberno, paralizase o procedemento para iniciar outro comezando pola redacción dun novo proxecto que corrixira as deficiencias anteriores, o que supuxo un aumento de máis de 55.000 euros o prezo inicial. Do mesmo xeito foi precisa a solicitude de novos informes técnicos e autorizacións sectoriais o que provocou a dilatación do procedemento máis do esperado.