Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Inicio da programación do 8M en Redondela

Concello de Redondela
08-03-2022
0
Inicio da programación do 8M en Redondela

As caras e nomes das mulleres galegas que, co seu esforzo e traballo, abriron camiños antes pechados á muller e que loitaron por acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria, adobían dende hoxe a Alameda Castelao agrupadas nunha nova edición da exposición 'Conquistadoras' que, cada ano incrementa o número de mulleres dignas de público recoñecemento.

Digna Rivas, que participou no programa que Onda Cero emitía en directo dende a propia Alameda Castelao presentado por Susana Pedreira, puxo en valor o papel desenvolvido polas mulleres ao longo da historia e que “na maioría dos casos, queda relegado a un segundo plano ou, o que é pior, cae no máis absoluto dos esquecementos e resulta descoñecido para a veciñanza”.

“Son a primeira alcaldesa na historia de Redondela, ao igual que Carmela Silva é a primeira muller presidenta da Deputación”, explicou Digna Rivas. “Sempre somos as primeiras porque, pouco a pouco, a base de moito traballo e sorteando todo tipo de obstáculos habituais no que sempre foi unha sociedade patriarcal, sempre hai unha muller que chega por primeira vez a una meta ou acada por primeira vez un logro”.

Dende esa perspectiva, engadiu a alcaldesa redondelá, “«Conquistadoras» amosa ás mulleres que foron 'as primeiras' en facer algo en tempos moito máis complexos que os de agora e foron quen de amosar que, realizar un traballo ou desenvolver unha tarefa, non é cuestión de sexo senón de capacidade”.

A cantante Guadi Galego, a artesá Elena Ferro, a directora e autora teatral Diana López, e o Promotor de Igualdade de Oportunidades e orfo de violencia machista, Joshua Mateo, participaron xunto á alcaldesa Digna Rivas no programa que Onda Cero emitía dende a Alameda Castelao. Precisamente Digna Rivas lembrou que “o tema «Matriarcas» de Guadi Galego é no que se basou a idea de Conquistadoras e presta unha marabillosa banda sonora á exposición”.

A rexedora agradecía tamén a presenza de Elena Ferro “que foi quen de levar a nosa artesanía a outro nivel e gañar o Premio Nacional de Artesanía e capaz de transformar un elemento identificador da cultura galega, como son os zocos, nun elemento de moda sen perder o seu significado” e de Diana López “que consigue, a través dos guións e dirección teatral, poñer foco de atención sobre temas que contribúen ao empoderamento da muller e a loita pola igualdade”.

Finalmente, Digna Rivas puña de relevo “a importancia da presenza de Joshua Mateo quen co seu traballo diario de promotor de igualdade de oportunidade, contribúe a axudar ás vítimas de violencia de xénero, unha lacra social que el coñece en primeira persoa e que pon a súa experiencia persoal como ferramenta que outras persoas poidan sobrepoñerse esa tráxica situación”.