Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Últimos día para que os establecementos de hostalería formalicen a inscrición nas 'Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela'

Concello de Redondela
16-04-2021
0
Últimos día para que os establecementos de hostalería formalicen a inscrición nas

O choco, produto estrela desta iniciativa, será subministrado aos establecementos pola Confraría de Pescadores e subvencionado polo Concello

Redondela, 16 de abril de 2021. O vindeiro 19 de abril, ás 14 horas, pecharase o prazo para que os establecementos hostaleiros de Redondela poidan formalizar a súa inscrición nas 'Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela'. Tanto as bases como o formulario de solicitude poden consultarse na páxina web do Concello, http://redondela.gal/ 

As xornadas, organizadas polo Concello de Redondela a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, que xestiona María Castro, en colaboración coa Asociación de Hostaleir@s 'Rías Baixas', buscan o dobre obxectivo “de contribuír á dinamización do sector da hostalaría e restauración, un dos máis duramente golpeados nesta crise sanitaria, e ao mesmo tempo poñer en valor un produto de excelencia como é o choco”, explica a concelleira.

Trátase, polo tanto, que pese a suspensión neste ano da Festa do Choco como tal, “non se teña que renunciar a celebración dun evento que supón unha importante inxección económica para o sector”. Cómpre lembrar que a Festa do Choco, tal e como subliña a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “ten unhas características propias de celebración multitudinaria, compartida, de festa na rúa e de degustacións en carpa, que este ano, por razóns obvias, sería imposible realizar”.

As bases establecen, entre outros puntos, que os establecementos participantes incluirán propostas gastronómicas –en salgado ou doce– nas que o produto principal sexa o choco de Redondela que será subministrado pola Confraría de Pescadores e subvencionado polo Concello.

Durante os días que duren as xornadas, que se celebrarán entre o 7 e 16 de maio, os establecementos terán un menú cun prezo pactado e se potenciará o servizo a domicilio, que será gratuíto, e a recollida no local para consumir na casa.

Para máis información os interesados e interesadas poden poñerse en contacto co Concello de Redondela a través do teléfono 986 400 300 ou do enderezo de correo electrónico alcaldia@redondela.gal