Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Servizos Sociais abre a inscrición para as actividades de inverno dirixidas ás persoas maiores do municipio

Concello de Redondela
07-09-2022
0
A Concellería de Servizos Sociais abre a inscrición para as actividades de inverno dirixidas ás persoas maiores do municipio

Os programas «Redondela Benestar» e «Axil-Mente», de carácter totalmente gratuíto, buscan proporcionar ás persoas participantes as ferramentas precisas para coidar a súa saúde física e mental

A Concellería de Servizos Sociais e Persoas Maiores que xestiona a concelleira Iria Vilaboa, vén de anunciar a posta en marcha de dous programas, de carácter totalmente gratuíto, que buscan proporcionar ás persoas maiores das ferramentas precisas para coidar a súa saúde física e mental.

«Redondela Benestar» e «Axil-Mente» son, en palabras da alcaldesa Digna Rivas “un paso máis deste goberno para ofrecer aos nosos e nosas maiores, todas cantas actividades poidan contribuír á mellora da súa calidade de vida”. Tanto a mente coma o corpo “precisan de coidados, exercicios e rutinas que contribúan ao seu mantemento e iso é o que se pretende con todos os programas que se poñen en marcha dende a Concellería de Servizos Sociais”, engade a alcaldesa de Redondela.

«Redondela Benestar» terá aberto o seu prazo de matrícula entre os días 12 e 23 de setembro para comezar as actividades no mes de outubro. As prazas serán adxudicadas por estrita orde de inscrición e as actividades se desenvolverán en Redondela, Chapela, Cabeiro, Reboreda, O Viso (Saramagoso) e Ventosela.

A través de exercicio físico de baixa intensidade, especialmente deseñado para persoas maiores, «Redondela Benestar» ofrece todas as vantaxes que, segundo os especialistas, ofrecen as actividades físicas para persoas maiores como o incremento da sensación de benestar xeral, mantemento de peso, redución de riscos como diabetes ou hipertensión ou diminución do estrés e o insomnio, entre outras.

Pola súa banda «Axil-Mente» terá de prazo de inscrición do 7 ao 15 de setembro para comezar a súa actividade o mércores 21 de setembro. A inscrición pode formalizarse nos rexistros habilitados do Concello de Redondela presentando a ficha de inscrición debidamente cuberta e unha copia do DNI.

As clases desenvolveranse no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela. En Redondela as actividades impartiranse os mércores (de 09.30 h a 10.45 h) e os venres, data na que haberá dous grupos, un de e 09.30 h a 10.45 h e outro de 11 h a 12.15 horas. En Chapela, as clases serán os xoves con dous horarios, de 10 h a 11.15 horas e de 11.30 h a 12.45 horas.

«Axil-Mente» propón ás persoas participantes unha serie de exercicios especialmente deseñados para exercitar todas as partes do cerebro, permitindo mellorar a destreza mental e facilitanto a concentración, a capacidade de reter información, diminuír o nivel de estrés e atrasar a aparición de enfermidades neurodexenerativas.

Finalmente, o Concello de Redondela, co cofinanciamento da Xunta de Galicia, colaborará na posta en marcha de outras dúas actividades, unha dirixida ás persoas maiores –Mantén activa a túa mente– e outro ás mulleres –Formación TIC Mulleres do Rural– para que poidan adquirir competencias dixitais tanto básicas como avanzadas e competencias dixitais para o emprego.