Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A concelleira socialista Iria Vilaboa asumirá as competencias de Servizos Sociais, Igualdade e Persoas Maiores

Concello de Redondela
31-07-2021
0
 A concelleira socialista Iria Vilaboa asumirá as competencias de Servizos Sociais, Igualdade e Persoas Maiores

A edil, que tomou posesión da súa acta na sesión plenaria de onte, asume a xestión dalgunhas áreas que ata o momento dirixía a alcaldesa Digna Rivas. Iria Vilaboa Álvarez tomou posesión da súa acta de concelleira do Grupo Municipal Socialista de Redondela no Pleno da Corporación municipal celebrado onte xoves cubrindo, deste xeito, a vacante deixada pola marcha de Marta Alonso. A nova concelleira asumirá as competencias de case que todos os asuntos que fagan referencia aos servizos sociais municipais, unha área considerada polo Goberno local como “de especial importancia” dado que a súa xestión afecta aos sectores máis vulnerables da veciñanza.

Iria Vilaboa dirixirá, polo tanto, ás áreas de Servizos Sociais e Promoción Social, Asistencia social primaria, coordinación dos servizos relacionados coa Infancia, Axuda no Fogar, Igualdade e Conciliación, e dirección e coordinación do Centro de Información á Muller.

Algunhas destas áreas eran, ata o de agora, competencia da alcaldesa Digna Rivas que trala marcha de Marta Alonso, incrementaba notablemente a súa carga de traballo ao asumir –a maiores das concellerías que agora dirixirá Iria Vilaboa–, as competencias de Seguridade Cidadá e Tráfico, Interior, Emerxencias e Eventos, amais de Normalización Lingüística e as inherentes á Alcaldía de Redondela.

Digna Rivas, subliñou a “capacidade de traballo e compromiso” de Iria Vilaboa ao mesmo tempo que salientaba que “a súa formación e implicación social e co movemento do asociacionismo, a facían idónea para facerse cargo destas áreas”. “Iria será, sen dúbida, un elemento esencial para o desenvolvemento das políticas sociais que propugna este Goberno”, remata alcaldesa redondelá.