Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela licita o Servizo de Axuda no Fogar por preto de 5 millóns de euros

Concello de Redondela
22-03-2024
0
O Concello de Redondela licita o Servizo de Axuda no Fogar por preto de 5 millóns de euros

O Pleno da Corporación Municipal do Concello aprobou na sesión ordinaria celebrada hoxe o proceso de licitación do servizo de axuda no fogar (SAF) por un período inicial de dous anos, prorrogable por outro período dun ano, cun valor do contrato de 4.832.524,62 euros, sen IVE, calculado para todo o prazo de duración, incluída a posible prórroga. O orzamento máximo de licitación para os dous anos iniciais do contrato é de de 3.041.437 euros.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que o novo contrato supón un cuantioso incremento no prazo da hora pola prestación deste servizo. Neste caso ascende a 24, 51 € con IVE para a modalidade de Dependencia e 23,17 € con IVE para a modalidade de Libre Concorrencia, fronte aos 17 euros actuais “o que supón un incremento do 43% e un esforzo económico dirixido a un dos colectivos máis vulnerables, o das persoas maiores e dependentes” sinala Rivas. “Este prezo por hora supera a media dos demais Concellos de Galicia e quere ser unha garantía para a xestión óptima e de calidade do servizo” segundo explicou no pleno a concelleira de Servizos Sociais Iria Vilaboa.

A empresa Idades SL ofrece ademais varias melloras a este servizo, como o contrato a xornada completa dunha persoa psicóloga, unha persoa auxiliar administrativa, unha coordinadora e unha persoa terapeuta ocupacional.

A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, explicou que a prestación de axuda a domicilio é unha actuación “básica” dos servizos servizos sociais para as persoas en situación de dependencia e as súas familias, “que proporciona atencións e coidados de carácter persoal, doméstico, psicosocial, educativo e técnico, que se presta no propio domicilio do usuario na procura do seu benestar físico, social e psicolóxico, proporcionándolles a posibilidade de continuar na súa contorna habitual”. Vilaboa explicou que “a importancia desta prestación dentro do sistema dos servizos sociais e o feito de que o Concello careza dos medios humanos e materiais necesarios para desenvolver directamente estes traballos, fai preciso contratalos externamente”. A edil lamentou tamén que deban ser os Concellos os que fan o maior esforzo para ofrecer este servizo, cando se trata dunha competencia do goberno autonómico, “que tampouco ofrece o número prazas suficiente en residencias públicas para maiores acorde á demanda”.

No proceso para a contratación deste servizo elaborouse un informe e un prego de prescricións técnicas con achegas de todas as partes implicadas: traballadoras sociais municipais, sindicatos e agrupacións políticas. O documento establece as ferramentas para mellorar o actual servizo e dar resposta as demandas tanto das traballadoras como dos usuarios e usuarias e as súas familias, afirma Vilaboa, xa que “queremos e debemos mellorar a prestación deste servizo porque Redondela debe ser un referente de calidade na súa prestación, e agardamos que así sexa”.