Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Licitadas as obras de saneamento e abastecemento da contorna do Pazo de Agrelo en Cesantes

Concello de Redondela
28-01-2022
0
Licitadas as obras de saneamento e abastecemento da contorna do Pazo de Agrelo en Cesantes

Os traballos realízanse ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra cun investimento de máis de 434 000 euros

O Concello de Redondela vén de licitar os traballos que, baixo o nome de 'Servizos e Pavimentación na contorna do Pazo Torres Agrelo', permitirá dotar de servizos de saneamento e abastecemento de auga a diferentes núcleos situados na contorna do pazo de Torres Agrelo. Os traballos, incluídos no Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, contarán cun investimento de 434 804,76 euros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia dos traballos que se van a acometer que “melloran substancialmente os servizos básicos que se prestan á veciñanza da zona”. Con esta actuación e outras de similares características que se emprenderán nos vindeiros meses, “o Goberno socialista continúa a traballar na eliminación da fenda que, no relativo á prestación de servizos, había entre os núcleos rurais e núcleos urbanos”.

Rivas lembrou a necesidade de “cohesionar o municipio a través da creación, mantemento e potenciación dos servizos básicos nas parroquias”.

As obras, que se realizarán no lugar de Agrelo, revisten unha especial complexidade ao discorrer en parte delas na traza do Camiño Portugués pola Costa, figura protexida no catálogo do Plan básico autonómico. Amais, para evitar a realización de traballos non interior da finca do Pazo Torres de Agrelo, optouse pola opción máis vantaxosa, técnica e economicamente, de bordear dito elemento patrimonial.

A rede de augas fecais proxectada funciona por gravidade e descorrerá polo camiño de Agrelo ao longo de 365,73 metros e cunha tubase de PVC de 315 mm de diámetro ao que se sumarán outros colectores secundarios de tubaxe tamén de PVC pero 250 mm cunha lonxitude de 1 388,82 metros, sumando un total de 1 754,55 metros.

A rede complétase con 64 pozos de rexistro de 1 m de diámetro interior colocados a distancias non superiores a 90 metros. A complexidade do trazado tamén ven marcada polo feito que deberá cruzar a estrada N-550, –mediante perforación horizontal e tubaxe de polietileno de 315 mm de diámetro– e as liñas ferroviarias de ADIF, que se fará por un dos colectores existentes baixo a beirarrúa que discorre polo paso inferior polo que pasa o camiño de Agrelo.

No que fai referencia á rede de augas pluviais, tal e como se sinala no informe técnico, no punto onde se proxecta o cruzamento do colector de fecais coa N-550 existe un paso inferior de drenaxe inservible e outro que non posúe a capacidade necesaria para evacuar as augas polo que, en episodios de choivas fortes, ese punto baixo no que se atopa unha vivenda, anégase.

As obras permitirán duplicar a capacidade do colector existente cunha tubaxe, case que en paralelo, e con saída no río Pexegueiro, cunha tubase de PVC de 630 mm de diámetro o que impedirá o asolagamento da zona.

Finalmente, a rede de abastecemento proxectada está formada por un colector principal que discorre polo camiño de Agrelo ao longo de 449 metros e contará cunha tubaxe de fundición de 100 mm de diámetro a fin de servir de rede contraincendios e con previsión de ampliación nun futuro. Ao igual que acontece doa rede de fecais, e ante a imposibilidade de facelo por outro lado, o trazado cruza a liña de ADIF por un dos colectores existentes na beirrarúa que discorre polo paso inferior.

Unha vez rematadas as obras de saneamento e abastecemento, procederase ao asfaltado da totalidade dos camiños públicos afectados. Nas obras que afectan á traza do Camiño Portugués pola Costa, o pavimento que se repola se fará de forma axeitada ao carácter deste elemento patrimonial e os elementos de rexistro e enlace colocaranse ordenadamente.

En canto aos treitos perimétricos do Pazo de Torres de Agrelo, lindeiros co muro de peche deste, o asfaltado non se estenderá ata a base de dito muro, senón que se deixará unha franxa de herba de non menos de 20 cm de anchura e se conservarán aquelas franxas que, na actualidade, teñen case que un metro de largura.