Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello lamenta que a Xunta “limpe a medias” os treitos do Camiño de Santiago que atravesan municipio

concello de redondela
22-06-2022
0
O Concello lamenta que a Xunta “limpe a medias” os treitos do Camiño de Santiago que atravesan municipio

Os traballos de roza non van acompañados da correspondente retirada dos restos vexetais que, nos días de choiva, son arrastrados pola auga atascando sumidoiros, rexistros e cunetas


Redondela, 22 de xuño de 2022

O Concello de Redondela vén de enviar un requirimento á Xunta de Galicia para que os traballos de roza que está a desenvolver no Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, “inclúan tamén a retirada dos restos vexetais derivados de ditas labores” a fin de non “facer unha limpeza a medias”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “nestes días de choiva, os restos das rozas non retirados son arrastrados pola auga e producen obstrucións nos sumidoiros, rexistros e cunetas, provocando, nalgúns puntos o asolagamento da calzada”.

Como noutras moitas ocasións, o Concello de Redondela “ten que tirar de recursos propios para solucionar situacións creadas pola Xunta de Galicia, destinando recursos e persoal que poderían estar sendo utilizados noutras labores en beneficio da veciñanza”, afirma a alcaldesa.

“As labores de limpeza da rede viaria van máis aló do traballo da roza” afirma a rexedora local que lembra que as brigadas contratadas polo Concello para a realización deste tipo de traballos, compostas, cada unha delas, por dúas persoas con maquina rozadora a pe, “contaban tamén con outras dúas persoas de limpeza de cunetas e recollida de maleza”.

A veciñanza, engade Rivas, “amosounos daquela a súa satisfacción, non só polo traballo de roza, senón tamén pola recollida posterior de restos que, mais aló do aspecto estético, evitan problemas como os que nestes días se están a dar”.

A rexedora local redondelá confía en que a Xunta “realice estes traballos coa rapidez e minuciosidade que, noutros casos, a propia administración autonómica esíxelle aos concellos”.