Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela reafirma o compromiso cos seus ríos sumándose á limpeza simultánea do 'Proxecto Ríos' de Adega

Concello de Redondela
24-09-2021
0
Redondela reafirma o compromiso cos seus ríos sumándose á limpeza simultánea do

O Concello colaborará coa asociación ArteLixo na limpeza do río Pexegueiro e coa Asociación de Veciños de Chapela, na retirada de lixo do río Maceiras. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que dirixe Alberto Álvarez, vén de reafirmar a súa aposta polos ríos sumándose á xornada de Limpeza Simultánea de ríos que se desenvolverá este vindeiro domingo, 26 de setembro ao abeiro do 'Proxecto Ríos' promovido por Adega. Tal e como adiantou Alberto Álvarez, o Concello redondelán a través do Departamento de Medio Ambiente colaborará coa asociación ArteLixo e coa Asociación de Veciños de Chapela nas limpezas que levarán acabo nos ríos Pexegueiro e Maceiras.

“Nestas últimas datas estivemos traballando arreo na limpeza e rozado das beiras dos treitos urbanos dos nosos ríos que son nos que o Concello ten competencias –explica o concelleiro– polo que a participación no Proxecto Ríos e a campaña de limpeza simultánea supón unha acción máis na protección do noso medio natural”.

Río Pexegueiro
A limpeza do río Pexegueiro, organizada pola asociación ArteLixo terá o seu punto de reunión e saída fronte á Piscina Municipal de Redondela ás 10 horas. Unha vez rematadas as labores de limpeza, está prevista a celebración dun xantar popular á beira do río na que as e os participantes deberán levar a súa comida. A inscrición para participar nesta iniciativa deberá realizarse no correo artelixoredondela@gmail.com.

Río Maceiras. Chapela
No que á limpeza río Maceiras fai referencia, actividade organizada pola Asociación de Veciños de Chapela e que chega xa a súa sétima edición, o punto de reunión será no Camiño Laredo de Abaixo, 3 (coordenadas GPS 42.265495, -8.674221) ás 10:30 horas. A zona de estacionamento será fronte a Piscina Municipal de Chapela (42.266485, -8.675588). Dadas as restricións sanitarias, será preciso inscrición previa que pode formalizarse no correo avvchapela@gmail.com.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembrou a importancia de iniciativas como o 'Proxecto Ríos' “que, máis aló do feito puntual da limpeza dos nosos ríos, son unha extraordinaria ferramenta de sensibilización e educación ambiental”. Rivas subliñou a “implicación” tanto de ArteLixo coma da Asociación de Veciños de Chapela “á hora de preservar o noso medio ambiente e de concienciar á cidadanía da importancia que teñen os nosos ríos como fonte de vida”.