Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Limpeza gradual e sostible dos ríos de Redondela

Concellaría de Medio Ambiente. Concello de Redondela
21-08-2019
0
Limpeza gradual e sostible dos ríos de Redondela

O Concello de Redondela solicita a Augas de Galicia facer mantemento anual da vexatación dos ríos de xeito gradual e sostible, descartando actuacións invasivas. 

Este luns comezou a limpeza das marxes do Río Alvedosa no seu tramo máis urbano. Por motivos ecolóxicos, a limpeza do cauce do río non se acometerá ata o outono. O Concello de Redondela retirará o lavadoiro de formigón instalado no cauce do Pexegueiro á altura da empresa madeireira Pazos&Míguez.

 

O Concello de Redondela comezou este luns a limpeza das marxes do Río Alvedosa no seu tramo máis urbano: dende a Casa da Torre ata o campo da Feira. A Concellería de Medio Ambiente dá resposta así a diversas solicitudes de veciños e veciñas que pedían a retirada da maleza. “De tódolos xeitos, a limpeza do cauce do río non se acometerá ata o outono, por recomendación tanto das técnicas do Concello coma de Augas de Galicia”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar.

“As técnicas do Concello fixeron unha exploración visual da zona e comprobaron que está habitada por crías de aves, maiormente patos. Para confirmar, consultamos a Augas de Galicia quen nos aconsellou esperar ó outono para facer a limpeza completa do cauce do río”, continúa Villar.

Foto sacada o dia 21 de Agosto do 2019

Actuacións tamén no Pexegueiro

Nas pasadas semanas estivéronse realizando tamén actuacións similares nas marxes do Río Pexegueiro, atendendo tamén diversas reclamacións veciñais. A maiores, o Concello de Redondela dispón de permiso para retirar o lavadoiro de formigón instalado no cauce do río, á altura das instalacións da empresa madeireira Pazos&Míguez. Esta tamén é unha reclamación dos veciños e veciñas da zona. O permiso para esta actuación fóra solicitado polo goberno anterior e é agora cando foi concedido por Augas de Galicia.

Plans anuais de mantemento en vez de actuacións invasivas

A Concellería de Medio Ambiente iniciou as negociacións con Augas de Galicia para dispor dun Plan Anual de Mantemento para os ríos do Concello coa intención de que a limpeza dos ríos se desenvolva dun xeito máis gradual, menos invasivo e, polo tanto, máis ecolóxico.

“Cada vez que se fai unha actuación nun río, hai que pedir permiso a Augas de Galicia. Ata o de agora o que se facía era deixar crecer a maleza máis alá do desexable para, posteriormente, realizar unha limpeza agresiva, mesmo utilizando maquinaria pesada. Nós apostamos por un mantemento permanente, con persoal propio do Concello, de xeito máis sostible e, a maiores, creemos que será mesmo máis económico para as arcas do Concello”, comenta Villar.