Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Meco, que por primeira non se queimará, quere ser unha mensaxe de forza, unidade e esperanza

Concello de Redondela
10-02-2021
0
O Meco, que por primeira non se queimará, quere ser unha mensaxe de forza, unidade e esperanza

As actividades adáptanse á nova realidade e “tirarán” de imaxinación e novas tecnoloxías para que, a pesar da pandemia, o Entroido siga a ser unha das festas grandes de Redondela.

Por primeira vez na historia do Entroido de Redondela, o Meco –figura representativa desta festa e que da forma á crítica mordaz sobre temas que durante o ano teñan sido actualidade–, presentará dúas novidades. Por unha banda cambia a sátira por unha mensaxe á cidadanía de forza, unidade e esperanza logo dun ano de pandemia. Doutra banda, por primeira vez no Entroido de Redondela e debido ao carácter permanente da mensaxe que quere transmitir, o Meco non será queimado e por iso foi confeccionado con materiais duradeiros e será colocado nun lugar ben visible.

Un fragmento do pregón do Entroido (colgado xa na súa integridade nas redes sociais do Concello) expresa o espírito deste meco de xeito tan claro como significativo: “Este ano non arde o meco, non vai haber lume en Redondela. Vai arder no corazón de cada Redondelán. Vai arder o sufrimento, as malas noticias, a soidade, o illamento. Vai arder este virus que trunca as nosas ilusións. A tradicional petición do entroido, a través do meco, é poñer fin ao virus. Que lisque de aquí e de todo o mundo. El é o inimigo único, a razón que nos obriga a estar unidos como pobo. Por iso quixemos representar as nosas peticións cunha figura de tradición, para trasladar esa imaxe de unidade, forza e esperanza”.

O meco deste Entroido 2021, atípico pero capaz de facerlle fronte a toda canta circunstancia adversa preséntese, reflicte polo tanto un ano sen festas, sen tradicións; un ano de illamento de soidade, de tristura, de non poder xuntarnos cos amigos e os familiares. Esa e a mensaxe que quere transmitir e ese é o motivo polo que, por primeira vez, o meco redondelán non arderá.

“Toca reinventarse, innovar e facer un Entroido diferente de como todos e todas nós quixéramos, pero non por iso menos atractivo e participativo”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas. O concurso de disfraces, no que cada quen tira de imaxinación, non deixará de celebrarse se ben adoptará o formato virtual. “Xa o tivemos que facer no Samaín –lembra Rivas– e deu moi bó resultado porque, a pesar da situación actual, a pesar do illamento e a pesar do distanciamento físico, a veciñanza ten ganas de divertirse e participar”.

Así pois, as persoas que desexen participar neste concurso, non teñen máis que enviar unha foto ou un vídeo do seu disfrace ao enderezo de correo electrónico facebook@redondela.gal ata o día 14 de febreiro. Ese material será subido ao Facebook do Concello e os tres disfraces que acaden máis “Me Gusta” serán os gañadores do concurso.

Amais, a veciñanza poderá facer un percorrido polos momentos máis destacados dos entroidos dos anos pasados a través dun vídeo que está a elaborar o Concello redondelán e que, a través das redes sociais, chegará a todos os fogares.

Polas súa banda, os comercios de Redondela súmanse este ano ás celebracións do Entroido a través dun concurso de escaparates organizado pola Concellería de Comercio e no que, ata o de agora, xa son máis de 15 os establecementos inscritos.

Dous premios, á Orixinalidade e á Tradición serán fallados por un xurado designado ao efecto. O establecemento gañador en cada unha das categorías terá como premio, unha cesta de produtos gourmet que, como é xa habitual por parte do Concello, será adquirida en establecementos do municipio.

Un terceiro premio, o do Público, será outorgado polas e polos clientes dos comercios que votarán o que, ao seu entender, é o mellor escaparate. Entre as persoas que emitan o seu voto, tamén se sorteará outra cesta de produtos gourmet.

Con todas estas actividades e cun meco que estará permanentemente exposto, “queremos lanzar unha mensaxe de esperanza e sobre todo de agradecemento á valentía que están a amosar a inmensa maioría da veciñanza nunha situación excepcionalmente complicada”.

O noso Entroido é un xeito de dicir “que xuntos e xuntas sairemos desta situación ao igual que o fixemos en todas as situacións difíciles que atopamos ao longo da nosa historia” apunta a alcaldesa de Redondela que engade que “o facemos coa esperanza de que, o vindeiro ano, este Entroido símbolo de Redondela, o poidamos celebrar do xeito que mellor sabemos facelo: en compañía e enchendo de ledicia prazas e rúas”.

Digna Rivas quixo trasladar un especial agradecemento aos traballadores de Eventos e Normalización Lingüística, “polo labor desenvolvido e por ser capaces de adaptar o Entroido a estas especiais circunstancias”.