Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Meirande mantén un crecemento continuado en número de visitantes pese as restricións da pandemia

Concello de Redondela
16-01-2022
0
Meirande mantén un crecemento continuado en número de visitantes pese as restricións da pandemia

O Centro de Interpretación da Batalla e Patrimonio Cultural de Rande consolídase como un punto turístico de visita obrigada

As 6903 persoas que durante o pasado ano 2021 visitaron o Meirande –Centro de Interpretación da Batalla e do Patrimonio de Rande– amosan claramente o interese que esta instalación esperta nas persoas que visitan Redondela. Pese as restricións impostas pola pandemia da Covid-19, o Meirande mantén un crecemento continuado no número de visitantes.


Da importancia desta instalación museística redondelá fala as claras que no ano 2020, primeiro da pandemia do coronavirus –e a pesar dos confinamentos, peches perimetrais e estrita limitación de aforos–, o Meirande rexistrara un total de 3449 visitas polo que os datos do 2021, supoñen un incremento do 50 % respecto ás persoas que visitaron a instalación respecto ao período anterior.

De feito, segundo os datos facilitados polo Meirande, instalación que depende directamente da Concellería de Turismo que xestiona María Castro, nos meses de agosto e outubro do 2021 o número de visitantes achegouse aos datos 'prepandemia' do 2019 con 1172 e 1301 persoas, respectivamente.

Cómpre salientar que outubro vén marcado pola conmemoración da Batalla de Rande polo que atrae moitas máis visitas, algo que quedou comprobado neste ano pese aos estritos controis de aforo que, como medida de seguridade sanitaria, aplicou o Concello de Redondela.

A previsión para o 2022, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “é claramente optimista e todo apunta a superar os niveles de afluencia rexistrados nos anos previos a pandemia”. Para a rexedora redondelá está fora de toda dúbida que o Meirande “está consolidándose como un punto turístico de visita obrigada2.

Rivas lembrou que dende a Concellería de Turismo, estanse a desenvolver continuos traballos de adaptación do Meirande ás novas tecnoloxías, como a dotación dunha páxina web moderna e funcional ou, proximamente, a posibilidade de facer visitas virtuais a instalación. “As novas tecnoloxías poñen nas nosas mans ferramentas de extraordinaria importancia que temos que aproveitar á hora de poñer en valor a nosa historia e o noso patrimonio”, conclúe a rexedora local.