Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Minuto de silencio contra violencia machista

Concello de Redondela
13-05-2022
0
Minuto de silencio contra violencia machista

O Concello de Redondela mostra a súa repulsa polo caso de violencia de machista acontecido en Tenerife, e condena toda clase de actos violentos contra as mulleres.

Na súa loita contra a violencia machista, o Concello de Redondela aprobou unha moción co fin de facer reflexionar á sociedade e tratar de visualizar este problema social que nos afecta a todas e todos. Froito desta moción, colouse unha lona en contra da violencia no balcón do Concello e un lazo violeta na páxina web do Concello. Ademais, convocouse unha concentración diante do edificio do Concello para o día de hoxe, ás 12.00 horas, e gardarase un minuto de silencio no próximo pleno.

A violencia machista é un problema dunha índole que transcende do ámbito particular e estase a converter nunha auténtica crise social, na que todos os poderes públicos han de implicarse, ben para tratar de previr estes terribles sucesos, como para protexer e axudar a quen sofre violencia por ser muller.

Nesta liña, o Concello de Redondela traballa e seguirá traballando para a promoción da igualdade, o recoñecemento dos dereitos das mulleres en calquera ámbito da súa vida e a prevención e tratamento da violencia machista, a través do Centro de información á muller (CIM), recurso de titularidade municipal. Ademais, o goberno municipal fai un chamamento ás mulleres que están sufrindo violencia e á sociedade para que se denuncien estas situacións e acudan á Policía, aos Xulgados ou ao Centro de información á muller para activar os recursos existentes na loita contra esta lacra.