Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela condena o ataque ao monumento do fusilados no 36

Concello de Redondela
27-02-2023
0
 O Concello de Redondela condena o ataque ao monumento do fusilados no 36

O Concello de Redondela condena o ataque ao monumento do fusilados no 36 Dende o Concello adiantan que para o mes de abril se realizarán varios actos co gallo do aniversario da proclamación da República. Entre outras actividades, haberá obradoiros infantís de contacontos ilustrados sobre as Misións Pedagóxicas e a representación teatral da Señora de Forcadela.

Na noite do día 23 ao 24 de febreiro foi atacado o monumento en lembranza dos fusilados durante a guerra. Este monumento, inaugurado no ano 2021 e situado no Alto da Concheira (lugar onde aparecían os corpos tirados), sufriu ao longo destes apenas dous anos varios ataques e acto vandálicos. A maioría sen máis significación do que tachar os nomes e as lembranzas da República. Nesta ocasión o ataque viola directamente o significado do monumento. O debuxo dun "Vítore" e o lema grande de Franco destruíron este símbolo da democracia.

A alcaldesa de Redondela, Dignas Rivas, denuncia que "esta barbarie amosa, por riba de todo, a falta de cultura democrática. As persoas que realizaron este ataque movéronse só por odio e vinganza cando o monumento pretende restituír a memoria de persoas que morreron por defender a democracia". Nesta liña, o concello anuncia que o monumento será axiña reparado e que a tantas veces sexa atacado, tantas veces será rehabilitado.

Nestes dous últimos anos o Concello realizou actos para traer á memoria do pobo de Redondela. Primeiro con este monumento no Alto da Concheira e o pasado ano coa homenaxe ás mulleres solidarias da Illa de San Simón. Rivas quere deixar claro que “este é o camiño: educar e dar a coñecer ás xeracións máis novas o sucedido. Só así poden ter conciencia do sucedido e tamén de educarse en valores democráticos”. Engadindo con énfase e determinación que “en Redondela non ten cabida o fascismo. Isto querémolo dicir ben alto, pois Redondela é un pobo democrático que se honra de ter veciños e veciñas que arriscando e incluso deron a vida pola liberdade. Para nós son o exemplo, para os intolerantes vese que é Franco, a represión e a ditadura militar".

Dende o concello tamén se indica que os discursos da extrema dereita alentan a que se realicen estes ataques á democracia. A rexedora local explica que "Isto sucede porque hai grupos políticos que promoven discursos de odio e de revisionismo da historia. Aquí houbo un golpe de estado militar que provocou asasinatos, censura e moita represión. Estes discursos da extrema dereita son moi perigosos porque abonan unha sociedade en conflito e un enfrontamento social".

Finalmente, anuncian que para o mes de abril se realizarán varios actos co gallo do aniversario da proclamación da República. Neste sentido afirman que a organización de actividades arredor da memoria histórica son fundamentais para que ninguén esqueza a historia por moi dura e crúa que fose. Entre outras actividades, adiantan dende o concello, “están uns obradoiros infantís de contacontos ilustrados sobre as Misións Pedagóxicas, a representación de teatral da Señora de Forcadela (estas dúas en colaboración coa Deputación de Pontevedra) e a actividades dirixidas ás escolas”.