Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O goberno de Redondela consegue aprobar a Ordenanza de Emerxencia Social histórica

Concello de Redondela
27-02-2023
0
O goberno de Redondela consegue aprobar a Ordenanza de Emerxencia Social histórica

O goberno de Redondela aproba unha Ordenanza de Emerxencia Social histórica. O goberno quere anunciar que, despois de traballar de forma constante e grazas aos votos a favor do BNG e AER e a abstención do PP, conseguiuse aprobar unha ordenanza histórica pensada para o benestar da veciñanza de Redondela. O Goberno de Redondela aproba a Ordenanza de Emerxencia Social que mellorará o servizo adaptándose ás necesidades actuais e reais dos veciños e veciñas de Redondela. “Unha ordenanza histórica na que levamos traballando máis de tres anos e que mellorará o benestar dos veciños e veciñas resolvendo as necesidades actuais, porque as cousas cambiaron moito co tempo e o Concello ten que actualizarse a realidade”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.
A ordenanza levouse a unha mesa de traballo convocada coas técnicas e traballadoras sociais do concello. Nesa reunión debatéronse as modificacións que propoñía a Agrupación de Electores de Redondela. “Esta é a primeira vez na historia deste concello que se fai unha mesa de traballo coas traballadoras sociais e educadoras socias das tres unidades técnicas implicadas, queremos agradecer a AER que aínda que no momento do pleno anterior a súa resposta fora negativa, mostráranse finalmente partícipes en apoiar unha ordenanza que mellora substancialmente a vida dos residentes do municipio”, explica Digna Rivas.
A alcaldesa quere agradecer “a colaboración e traballo do BNG e AER en todo o proceso para facer realidade unha ordenanza de emerxencia social xusta coas necesidades actuais dos veciños e veciñas de Redondela”.
Entre as melloras atópase a necesidade de minimizar o tempo de resposta ante situacións de emerxencia, “pasando de responder nunha media de 6 meses a responder en 30 días aquelas demandas que entren por vía ordinaria e asegurar que se solucionen aquelas que entren pola vía de emerxencia en menos de 72 horas. Un avance totalmente factible e que é imprescindible”, explica Digna Rivas.
En canto aos requisitos exímese á persoa solicitante da obrigatoriedade de estar empadroado cunha antelación mínima de 6 meses a casos excepcionais de extrema urxencia coma vítimas de violencia machista que teñan que mudar o seu domicilio, emigrantes retornados ou persoas refuxiadas. Ademais, aumentas as cuantías das axudas ata tres veces máis que a anterior ordenanza e tamén especifícase a renda máxima da unidade familiar que non poderá superar o SMI máis un 10% deste por cada membro, xa que se ten en conta o substancial incremento dos últimos anos dos salarios, que non é comparable aos datos dos cálculos que se levaban a cabo no ano 2016. Refléxase o incrementado das persoas descendentes na unidade familiar ou se existise algún convivinte dependente, nese caso o incremento sería xa do SMI máis un 20% por cada un. Na anterior ordenanza este incremento era dun 10% fronte ao 20% de agora.
En canto ao procedemento para a concesión de axudas, redúcese considerablemente e facilítase a solicitude ou a consecución de documentos polas vías internas da administración ou grazas á autorización da persoa solicitante para dar acceso aos seus datos como o IRPF ou datos da Seguridade Social, entre outros.
Esta nova ordenanza de EMERXENCIA social contempla dous posibles procedementos, o ORDINARIO, no que se especifica o prazo máximo de resolución do expediente de 30 días, e outro procedemento de URXENCIA que permite a tramitación con carácter excepcional e cunha resolución inmediata cun prazo máximo para resolver e notificar en 72 horas.
Entre outras melloras tamén recoñece o destino desta axuda contemplando tódalas posibilidades sen chegar a pechalas, incluíndo ás situacións de tránsito nas que as persoas solicitantes se atopen no trámite. “Sabemos que por desgraza ás veces os trámites, da solicitude dunha prestación económica poden ser demasiado longos, polo que este era un punto moi importante para nós”, explica Rivas.
Elimínanse límites, como os dous meses como máximo de dúas mensualidades dunha débeda do aluguer; ou os tres recibos do subministro de electricidade ou gas. A rexedora local engade que “todo isto é para darlle máis importancia ao obxecto desta Ordenanza que é o de atender ás necesidades reais e ás mil casuísticas que ese poidan dar. Sen que sexa posible reflexalos todos, por iso será a traballadora social a que reflexe no seu informe incluso o requisito de atender o gasto total da necesidade”, engade a rexedora.
Rivas resalta que “a ordenanza aprobouse a pesar da abstención do PP que utiliza a política de desgaste. O Partido Popular levou oito anos de goberno sen que tivesen a valentía política de levar a diante esta modificación da Ordenana de Emerxencia Social a pesar das propostas de, por aquel entón concelleira na oposición, Digna Rivas que xa propoñía unha adaptación á realidade social”.