Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O meco de Redondela marcado por unha mensaxe de "Non á guerra" en referencia a invasión de Ucraína

Concello de Redondela
22-02-2023
0
O meco de Redondela marcado por unha mensaxe de "Non á guerra" en referencia a invasión de Ucraína

O meco de Redondela marcado por unha mensaxe de "Non á guerra" en referencia a invasión de Ucraína. Este ano durante o  Entroido de Redondela, o Meco –figura representativa desta festa e que da forma á crítica mordaz sobre temas que durante o ano teñan sido actualidade–, representa unha mensaxe de unidade ante o conflito xerado pola invasión de Ucraína por parte de Rusia. Na figura pódese ver ao mandatario ruso Putin sen pantalóns subido a un tanque no que aparecen mensaxes de “Non á guerra” e de loita pola democracia. Un fragmento do audio que dará paso ao Meco do Entroido expresa o espírito deste de xeito tan claro como significativo: “ Soan as sereas, alertan á poboación, dun novo ataque  da aviación no que só quedará destrución, morte e desolación. Putin quere guerra, ten moitas bombas na despensa, máis lle valería enchela de comida en vez de tanques que só deixan miseria. Nunha invasión que nunca acaba, todo son escombros e cidades devastadas. Nenos e nenas quedan sen avós, sen pais, sen nais, non quedan en pé escolas, vivendas ou hospitais….. Lume á guerra - Lume aos tanques- Lume aos malos gobernantes - Lume, lume, lumeeee!”. O meco deste Entroido 2023 que marca un tema de actualidade e de gran importancia mundial volve a estar feito, ao igual que o ano pasado, por Rubén Casal especializado en este tipo de representacións artísticas, así como en artes escénicas e que leva traballando de forma habitual co Concello para estas datas. Durante a celebración haberá un espectáculo da man de Pablo Méndez Performance cunha creación artística adaptada para a queima do Meco de Redondela. O concurso de disfraces, no que cada quen tira de imaxinación, tamén se celebrou este ano co seu formato habitual e premios. O noso Entroido é un xeito de dicir “que xuntos e xuntas sairemos desta situación de crise ao igual que o fixemos en todas as situacións difíciles que atopamos ao longo da nosa historia” apunta a alcaldesa de Redondela que engade que “a mensaxe de NON Á GUERRA une aos redondeláns nun momento difícil no que tamén estamos afectados directamente pola crise de prezos derivada deste conflito. No pregón tratamos de reflexar as consecuencias da guerra nas perdas humanas innecesarias, uníndonos pola democracia”. Ademais a discoteca móbil  (Duendeneta) comezou a percorrer as rúas en Alfonso XII e a primeira fanfarria galega 100% composta por mulleres animou á xente a bailar coa Batucada Brassica Rapa. Pero se todo isto fora pouco, cinco meigas percorreron a vila acompañadas dunha cacerola de feitizos xigante. Todo un espectáculo para xerar ambiente onde non faltaron os obradoiros infantís no Multiúsos da Xunqueira.