Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Cultura organiza Obradoiros de Nadal para nenas e nenos en Redondela e Chapela

Concello de Redondela
21-12-2021
0
A Concellería de Cultura organiza Obradoiros de Nadal para nenas e nenos en Redondela e Chapela

As actividades desenvolveranse do 27 ao 30 de decembro e o 3 e 4 de xaneiro do 2022. Rapaces e rapazas de Redondela terán a oportunidade de participar, durante este Nadal, nos obradoiros que a Concellería de Cultura que xestiona Iria Vilaboa organiza no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela onde, interesados e interesadas, poderán inscribirse xa.

Os obradoiros se desenvolverán os días 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2021 amais do 3 e 4 de xaneiro do 2022 de 18 horas a 20 horas e neles, nenos e nenas terán actividades de creación de manualidades amais de xogos, música e moita diversión.

A iniciativa busca, tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas, un dobre obxectivo. “Por unha banda que as nenas e nenos conten con máis alternativas de ocio neste tempo de vacacións e poidan relacionarse con outros rapaces e rapazas e gocen da creación. Por outra, nais e pais dispoñerán de tempo para facer as súas compras de Nadal con tranquilidade, sabendo que os seus fillos e fillas están ao coidado de persoas cualificadas e en actividades divertidas”.

A alcaldesa lembrou que, como todas as actividades que desenvolve o Concello “e máis as que teñen como destinatarios aos máis pequenos e pequenas” os Obradoiros de Nadal celebraranse baixo estritas medidas de seguridade sanitaria.