Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela busca a inclusión tecnolóxica das persoas maiores a través dos obradoiros 'Persoas Maiores Conectadas'

Concello de Redondela
09-03-2022
0
O Concello de Redondela busca a inclusión tecnolóxica das persoas maiores a través dos obradoiros

A actividade, que se desenvolverá nas trece parroquias do municipio, busca que as e os participantes poidan aproveitar os recursos dos seus dispositivos móbiles acceder á banca electrónica, comunicación coas administracións ou utilización de redes sociais

As persoas maiores de Redondela terán a oportunidade de aproveitar toda a potencialidade que ofrecen os seus teléfonos móbiles a través dos obradoiros que poñerá en marcha, a partir do 14 marzo, a Concellería de Persoas Maiores que xestiona Iria Vilaboa e que se desenvolverá baixo o nome de 'Persoas Maiores Conectadas'. A inscrición deberá realizarse a través dos Rexistros oficiais do Concello.

Os obradoiros buscan que a través dos seus dispositivos móbiles, as e os participantes poidan realizar actividades de relación coa administración, interactuar na banca electrónica, utilizar os buscadores online para atopar lugares de interese ou mesmo facer reservas e o xeito de utilizar con seguridade as redes sociais.

As actividades terán lugar nas 13 parroquias do municipio para evitar que as persoas interesadas teñan que realizar desprazamentos e dentro da filosofía do Goberno local de primar “levar ás actividades ata as persoas e non ás persoas ata as actividades”. Os cursos terán unha duración de 26 horas distribuídas en clases de unha hora e media á semana.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, chamou a atención todos os temas incluídos “nun programa completo pero, ao mesmo tempo, ameno e práctico, que lles permita coñecer e utilizar todos os recursos que teñen os seus teléfonos móbiles tanto para o ocio como para a interrelación con administracións e outros organismos”.

Serán un total de 11 apartados cos que conte esta acción formativa que comezará coa Iniciación ao smartphone, no que se lles dará cumprida explicación da pantalla, os menús flotantes, botóns de control, axenda telefónica e principais axustes.

Unha vez familiarizados cos elementos básicos dos seus dispositivos, comezaranse a desenvolver apartados específicos como Cámara e galería, Apps, WhatsApp, Sergas Móbil, Seguridade no Móbil, Facebook, Instagram, Google e Google Chrome, Códigos QR, e, finalmente, unha Guía para entrar na banca electrónica.

“Todos os conceptos que se poñen en mans das e dos nosos maiores, son importantes –explica a alcaldesa Digna Rivas– pero algúns deles como a utilización da banca electrónica ou a aplicación do Sergas Móbil, adquiren un especial relevo polo constante uso que se fai deles e pola importancia que adquiren á hora de facilitarlles a vida as persoas usuarias”.