Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello desenvolve actividades medioambientais para nenos e nenas durante a Semana Santa en Redondela e o Meirande

Concello de Redondela
12-04-2022
0
O Concello desenvolve actividades medioambientais para nenos e nenas durante a Semana Santa en Redondela e o Meirande

Ante as críticas, a alcaldesa lembra “que o Goberno socialista incrementou a partida orzamentaria para os campamentos de conciliación ampliándoos a dous meses durante o verán e a totalidade das vacacións escolares de Nadal”

O Concello de Redondela desenvolve, durante toda esta semana, actividades medioambientais dirixidas a nenos e nenas do municipio. A través da construción de caixas-niños para paxaros, a iniciativa busca o dobre obxectivo de, por unha banda, concienciar aos nenos e nenas a partir dos 7 anos sobre a importancia que as aves teñen para o equilibrio medioambiental e, por outra, permitir a conciliación laboral das familias durante as vacacións de Semana Santa.

Nas actividades, que se desenvolven no Meirande de Rande e no Multiúsos da Xunqueira, participan máis de 60 rapaces e rapazas que, posteriormente, instalarán as caixas-niños construídas na contorna da Alameda Castelao de Redondela, Museo Meirande de Rande e Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela.

Con estas iniciativa en marcha, non entende á alcaldesa Digna Rivas, as críticas do PP local sobre a non realización de Campamentos de Semana Santa e sobre a falta de actividades que permitan a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños.

“Unha vez máis, e xa non é novidade, o PP recorre a terxiversación da realidade coa clara intención de desgastar ao Goberno”, afirma Digna Rivas quen asegura que “fronte a iso, o Goberno socialista ofrece feitos concretos e datos irrefutables sobre a potenciación das actividades de conciliación”.

Lémbralle a alcaldesa aos populares redondeláns “que fronte ao mes de campamento de conciliación que ofrecían os Gobernos conservadores, o Goberno socialista realiza campamentos gratuítos durante os meses de xullo e agosto, incrementando polo tanto o orzamento destinado á conciliación, algo que eles non foron quen de facer”.

De feito o Concello de Redondela oferta, durante o verán, campamentos de conciliación, totalmente gratuítos, durante os meses xullo e agosto e cun sistema de inscrición quincenal que permite a participación de maior número de nenos e nenas. De igual xeito, no Nadal o Goberno socialista optou pola ampliación dos campamentos de conciliación “que cobren a totalidade das vacacións escolares, e non só unha parte das mesmas como viña sendo habitual cos anteriores gobernos do PP”.

En todo caso a Digna Rivas non lle sorprende a actitude dun PP de Redondela “instalado dende hai tempo na terxiversación e a falsidade, aplicando continuamente a política de 'todo vale' á hora de desgastar a este Goberno”.