Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello iniciará en setembro as obras de acondicionamento das dependencias dos Servizos Sociais de Chapela

Concello de Redondela
20-08-2021
0
O Concello iniciará en setembro as obras de acondicionamento das dependencias dos Servizos Sociais de Chapela

As obras terán un prazo de execución de 4 meses e o Concello habilitou xa oficinas provisionais no multiúsos de Chapela para que o servizo poida seguir funcionando ata o seu traslado ás novas dependencias. A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa sesión do mércores 18 de agosto, a adxudicación do contrato de servizo de Dirección de Obra e Coordinación de Seguridade e Saúde para a obra de 'Acondicionamento, adaptación e mellora enerxética' das dependencias de Servizos Sociais de Chapela, último trámite para que os traballos poidan comezar o mes de setembro.

Con anterioridade –o 10 de agosto– o Goberno Local xa tiña adxudicado a obra á empresa Impervelper, S.L. cun orzamento de 175.329,00 euros (IVE incluído) con cargo aos fondos EDUSI Redondela 2020.

Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses e, mentres duren os mesmos, as usuarias e usuarios dos servizos sociais de Chapela serán atendidas nas oficinas provisionais que o Concello está a acondicionar no multiúsos da parroquia.

Dada as especiais condicións de privacidade que a prestación dos servizos sociais require, ditas dependencias provisionais serán independentes do resto de servizos do multiúsos contando, incluso, cunha entrada aparte do resto da instalación.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia das obras que están a piques de comezar xa que, asegurou, “permitirán que tanto persoas usuarias como persoal municipal, poidan contar cunhas instalacións axeitadas, modernas, funcionais e deseñadas específicamente para esta función”.

Como todas as obras que se realizan por parte do Goberno local, as novas oficinas serán totalmente accesibles e contarán con elementos que garantan a súa eficiencia enerxética.

Nos vindeiros días, adianta a alcaldesa de Redondela, “darase a coñecer a veciñanza a data en que comezarán a funcionar estas dependencias provisionais para que non se produza, en ningún momento, suspensión nin demora na prestación deste servizo”.