Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Rematadas as obras de recuperación e posta en valor da Fonte de Santiago

Concello de Redondela
02-07-2021
0
Rematadas as obras de recuperación e posta en valor da Fonte de Santiago

As obras, que contaron cunha subvención de 10.667 € da Deputación de Pontevedra, permiten recuperar un elemento patrimonial do casco urbano enclavado no Camiño de Santiago


Redondela, 1 de xullo de 2021. O Concello de Redondela vén de dar por rematados os traballos de recuperación da Fonte de Santiago, obras que se enmarcan dentro dunha iniciativa global de rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico-artístico e cultural do municipio e que contaron cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 10.667 €.

Segundo o informe previo realizado pola empresa Acanto, especialistas en conservación de patrimonio, o estado no que se atopaba a Fonte de Santiago era “malo" debido á degradación sufrida "tanto polo factor ambiental coma polo factor humano”.

Cómpre lembrar que a fonte atópase nunha praza pola que descorre o Camiño de Santiago –en Redondela conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa– e na que, pola súa propia situación a carón do río e polas propias condicións climatolóxicas da zona, “ten un alto grao de humidade ambiental que, unida á proximidade ao mar e aos contaminantes atmosféricos” propiciaron o deterioro dos materiais.

Doutra banda a empresa destaca como elemento de degradación “o factor humano nas intervencións anteriores (...) a máis importante o seu traslado ao novo emprazamento dentro da mesma praza” o que levou o desmonte íntegro da estrutura e os conseguintes danos ocasionados, “como as marcas visibles de apalancar as pezas”.

A maiores, explica o informe, o morteiro tradicional foi substituído por cemento Portland, “extremadamente duro e que pode achegar sales ao soporte pétreo” apreciándose ademais “reconstrucións inadecuadas con cemento na parte superior das molduras circulares” e faltas de volume “ocasionadas por golpes de carácter mecánico e roturas durante o traslado”. Chama especialmente a atención o deterioro causado “polo engadido de pezas metálicas por toda a superficie da fonte, como puntas e alcaiatas de ferro, utilizadas para a colocación de elementos durante as festas que ocasionan danos no material pétreo circundante”.

Tal e como sinala a concelleira de Patrimonio, María Castro, “os traballos permitiron recuperar o estado orixinal da Fonte e poñer en valor un elemento patrimonial de primeira orde”.

Ás labores de recuperación realizadas, engadirase agora un plan de mantemento que, tal e como apunta a alcaldesa Digna, “incluirá revisións rutineiras anuais para retirar os elementos vexetais que poidan ir xurdindo amais de limpezas, cada catro anos, que serán realizadas ou ben por un técnico en restauración ou baixo a supervisión deste”.

A recuperación da Fonte de Santiago, lembran Digna Rivas e María Castro, enmárcase dentro das distintas actuacións que o Goberno local desenvolve para “a rehabilitación, conservación e posta en valor de todo o patrimonio cultural, histórico e artístico do municipio”.

Ao abeiro deste plan global, tense xa recuperado a Fonte da Raíña, en Cedeira; a rehabilitación do edificio do antigo Conservatorio na rúa Isidoro Queimaliños ou a recuperación do cemiterio de Eidos.