Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello iniciará esta semana as obras de humanización da Avenida Santa Mariña

Concello de Redondela
23-04-2022
0
O Concello iniciará esta semana as obras de humanización da Avenida Santa Mariña

Cun orzamento de máis de 450 000 euros as obras mellorarán unha das principais vías de entrada ao núcleo urbano

O Concello de Redondela vén de poñer en coñecemento da veciñanza que esta vindeira semana darán comezo as obras de humanización da Avenida Santa Mariña. Os traballos para os que se destina un investimento de 450 686,84 con cargo ao Plan Concellos 2021 permitirán non só a transformación deste espazo urbano, unha das principais vías de entrada á vila, senón tamén á mellora da rede de subministro e saneamento.

A alcaldesa Digna Rivas salienta a importancia destas obras que “permiten a transformación dos espazos a fin de mellorar a mobilidade, as condicións de vida e dotar aos veciños e veciñas dos servizos aos que teñen dereito independentemente do lugar onde residan”.

As obras inclúen a instalación de sistemas de alumeado e sinalización, mobiliario urbano, canalizacións para saneamento e abastecemento, tubaxes para liñas de comunicación e condución eléctrica, mellora de beirarrúas e pavimentación.

O firme de todo o trazado obxecto das obras, nunha extensión de 680 metros cadrados, será pavimentado con aglomerado asfáltico de 6 cm de espesor. En ámbalas dúas beiras da rúa, instalaranse canalizacións para a recollida de pluviais que contarán con sumidoiros no lado sur e nos dous lados da rúa procederase á instalación integral da rede de abastecemento de auga potable.

Os traballos completaranse coa mellora integral das beirarrúas e a instalación de alumeado público que mellore, non só as condicións de luminosidade da zona senón que permitan unha mellora da eficiencia enerxética en canto ao consumo e emisións de CO2.

Finalmente, dotarase á zona da correspondente sinalización de tráfico, tanto horizontal como vertical e de mobiliario urbano (xardiñeiras, bancos, papeleiras e varandas).