Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno local lamenta o abandono das obras da PO-250 iniciadas hai dous meses

Concello de Redondela
16-03-2021
0
O Goberno local lamenta o abandono das obras da PO-250 iniciadas hai dous meses

“As obras que a Xunta de Galicia iniciou hai dous meses na PO-250 Redondela-Pazos, a parte de non resolver os graves problemas desta estrada, están, nestes momentos, no máis absoluto abandono”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas. Hai dous meses, responsables da Xunta acudían ao inicio das obras. Dous meses despois, as obras están sen rematar incrementando a inseguridade viaria da estrada”, engade a rexedora local.

Dende o inicio dos traballos, para os que o Concello contaba cunha prometida reunión previa cos técnicos e responsables da Xunta, reunión que nunca tivo lugar, o Concello lembrou que, no seu momento, tiña advertido que co inicio das obras sen que se tiveran en conta as achegas realizadas polos técnicos municipais, “estaríase a desaproveitar unha extraordinaria oportunidade para solucionar, definitivamente, os graves problemas de seguridade viaria que ten esa estrada tanto para peóns como para vehículos”, apunta Digna Rivas. De feito, engade a alcaldesa de Redondela, “as achegas realizadas polos técnicos municipais facíanse dende a perspectiva de quen coñece perfectamente as necesidades dese treito de estrada incluída no casco urbano redondelán”.

O Goberno local lamenta que a información que posúe o Concello sobre esa obra, sexa a que se conseguiu “a través de insistentes chamadas da Alcaldía a responsables de estradas da Xunta” e constatamos que “, lamentablemente, en ningún lado consta que se vaia a facer caso das recomendacións que trasladamos dende o Concello á Xunta”, asegura a concelleira de Urbanismo, María Castro

Por se foran poucos os problemas de seguridade que presenta esa estrada e que foron recollidos nun informe técnico do Concello de maio do 2020, agora súmase o perigo que supón ter retranqueado o muro de contención situado nunha curva perigosa “sen que se dera continuidade ao nivelado e asfaltado da estrada nese punto, co que queda un desnivel perigoso para a circulación rodada”.

Digna Rivas urxe á Xunta “a que solucionen o problema antes que se teña que lamentar algún accidente”. A alcaldesa lembra que “aínda é tempo de facer as cousas ben” polo que volven a insistir na necesidade dunha xuntanza con responsables de estradas da Xunta de Galicia “para trasladarlles, unha vez máis, as achegas do Concello que poñerían fin aos graves problemas de seguridade de que ten unha estrada que, diariamente, rexistra un gran tránsito tanto de vehículos coma de persoas”.