Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A nova oficina de Turismo rexistra datos récord na pasada Semana Santa

Concello de Redondela
20-04-2023
0
A  nova oficina de Turismo rexistra datos récord na pasada Semana Santa

Máis de 1400 persoas participaron nas actividades programadas na Semana Santa con visitas a Illa de San Simón e San Antón, as rutas de turismo mariñeiro e visitas guiadas do patrimonio cultural. A Concellería de Turismo do Concello de Redondela era optimista na previsión de aumento de visitantes coa apertura das novas instalacións nun lugar estratéxico como é a Rúa Isidoro Queimaliños, paso abrigado de peregrinos e peregrinas no seu camiño a Santiago de Compostela.

Os datos recollidos nesta primeira semana de apertura ao público, coincidindo coa celebración da Semana Santa reflexan datos récord, así as persoas que visitaban a oficina nestes 7 días ascendeu a máis de 600, mestres que no ano inmediatamente anterior, contabilizáranse 296 en todo o mes de abril.

En canto ao Museo de Meirande, nas mesmas datas de semana Santa, rexistráronse 573 persoas fronte ás 253 de 2022. “Como reflexan os datos, conseguimos dobrar o número de persoas interesada que pasan por Redondela, contando peregrinos, turistas e veciñanza de Redondela”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

As actividades programadas como as saídas en Barco para visitar a Illa de San Simón e San Antón, as Rutas de Turismo Mariñeiro, dirixidas por Amarturmar, ou as visitas guiadas para coñecer o patrimonio cultural e patrimonial da nosa Vila tiveron unha magnífica acollida, contabilizándose máis de 1400 participantes.

A nova oficina de turismo situada na Rúa Queimaliños é un lugar estratéxico por situarse en pleno Camiño de Santiago, supón unha excelente mellora no servizo de atención aos turista e sobre todo ao Peregrino. Está aberta dende o luns 3 de abril en horario continuado de 11:00 h a 19:00 horas para atender as dúbidas das persoas interesadas nestas actividades e calquera outra oferta turística do municipio. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradece a Deputación de Pontevedra “os fondos necesarios para contratar o persoal técnico de turismo dende abril e durante toda a tempada estival”.

ACTIVIDADES

Dentro das actividades organizadas para este mes de abril e o próximo mes de maio, inclúense as visitas semanais de "A Vila pola Tardiña" que se realizan para dar a coñecer o patrimonio e a historia de Redondela e para a que só será necesario inscribirse na oficina de Información Turística.

Destacar como próximas visitas de interese, as que se realizarán o vindeiro 28 de abril ao Cemiterio de Eidos, ou, as Rutas de turismo Mariñeiro, Ruta do Porto ou Ruta do Choco dirixidas por Amarturmar os días 22 e 28 de abril respectivamente.

O domingo 30 de abril, está previsto realizar unha Visita guiada aos petróglifos de Ventosela, dentro da programación Roteiros con Historia

Todos os roteiros mariñeiros terán un prezo de 3 euros e deberá facerse a correspondente reserva na oficina de Turismo de Redondela.

Por outra banda, o Museo Meirande, mantén o seu horario habitual e abre as súas portas de luns a Domingo de 11:00 h á 14:00 e de 15:30 h a 19:00 horas. “As Oficinas de Turismo ofreceron un bo servizo na tempada máis alta e conseguiron duplicar en datos o número de visitas ao ano pasado. Cabe lembrar que Redondela converteuse nun referente como destino turístico nos últimos anos e pretendemos que siga crecendo”, conclúe Rivas.