Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Once persoas en situación de desemprego inician hoxe os traballos de roza e limpeza de camiños e estradas de titularidade municipal

Concello de Redondela
01-06-2021
0
Once persoas en situación de desemprego inician hoxe os traballos de roza e limpeza de camiños e estradas de titularidade municipal

Por primeira vez o Concello contratou a través do Plan Concellos e por medio da oficina de emprego, ás persoas que dende hoxe desenvolverán os rozados. Hoxe martes, 1 de xuño, comezaron o seu traballo as brigadas encargadas dos labores de roza nos camiños e estradas de titularidade municipal de Redondela. Por primeira vez, serán 11 persoas en situación de desemprego e contratadas a través do Plan Concellos, os que realicen estes traballos que habitualmente eran encargados a unha empresa. Os traballos de roza, explica o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, serán desenvolvidos tres brigadas compostas, cada unha delas, por dúas persoas con maquina desgrozadora a pe e dous operaios/as de limpeza de cunetas e recollida de maleza.

 Os equipos contarán tamén co reforzo de dous tractores de rozado en altura. Cómpre salientar que, para evitar a acumulación de restos da roza, contarase con dous Dumper mecanizados para a recollida de ditos restos que serán transportados, diariamente, ao lugar de xestión. Todas as persoas participantes recibiron, con anterioridade, un curso sobre prevención de riscos laborais.

O feito de que sexan veciñas e veciños en situación de desemprego o que se encarguen dos traballos de roza, permiten ao Goberno local acadar dous obxectivos. “Por unha banda –explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas,– axilízase a contratación e ofrécese un respiro ás veciñas e veciños que están en situación de desemprego e por outra, optimizamos o servizo de limpeza e rozado das vías e camiños municipais”.

A maiores das brigadas de limpeza, e unha vez que rematen os traballos en todas as parroquias do municipio, manterase o denominado retén de mantemento que correrá a cargo dunha empresa. Esta iniciativa, posta en marcha con éxito o pasado ano “permite unha vez rematadas as labores de roza das brigadas contratadas, este equipo de mantemento actúe o resto do ano onde alí o aconsellen as circunstancias e, dese xeito, manter limpos os camiños e cunetas”.