Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela comunica ao Ministerio a súa total e absoluta oposición ao cargadoiro de contedores en Rande que promove o Porto de Vigo

Concello de Redondela
02-09-2019
0
O Concello de Redondela comunica ao Ministerio a súa total e absoluta oposición ao cargadoiro de contedores en Rande que promove o Porto de Vigo

A resposta arguméntase nun informe de 11 páxinas elaborado por técnicos do Concello de Redondela. A obra que propón a Autoridade Portuaria suporía o trazado de novos accesos que non están previstos pola normativa urbanística, nin presente (NN SS) nin futura (PXOM). O proxecto atentaría contra a Rede Natura e mesmo contra o Patrimonio Cultural da zona.

O Concello de Redondela contesta de xeito formal á consulta realizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o denominado proxecto “Reordenación del acceso a la zona portuaria de Rande desde la carretera N-552”, que é o paso previo necesario para a futura instalación dunha terminal de carga e descarga de contedores que pretende realizar a Autoridade Portuaria de Vigo.

O Concello de Redondela remitiu ao Ministerio un informe técnico de 11 páxinas redactado por técnicos do Concello que argumentan técnica e xuridicamente a resposta que o Concello trasladou en tempo e forma: TOTAL E ABSOLUTA OPOSICIÓN ao proxecto.

O escrito de rexeitamento foi asinado pola Alcaldesa do Concello de Redondela, Digna Rivas, e polo Concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar.

O Porto pretende facer unha obra de envergadura, co conseguinte impacto negativo.

A obra que propón a Autoridade Portuaria supón o trazado de novos accesos que non están previstos polo planeamento vixente (NNSS), nin polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se encontra en tramitación. Asemade, a infraestrutura prevista é de gran envergadura, pois inclúe muros de gravidade ou pilotados de considerable altura, caixón fincado baixo infraestruturas actuais, etc.

Todo isto suporía, non una reordenación de accesos como denomina o proxecto senón unha infraestrutura nova que implicaría, dadas as dimensións das obras a executar, un enorme impacto visual e acústico no entorno de actuación. Tendo en conta que estamos ante unha zona próxima á costa, esta obra sería totalmente contraria ao Plan de Ordenación del Litoral.

Rede Natura e Patrimonio Cultural, ameazados.

Hai que engadir que nesta zona de Rede Natura atópanse importantes bancos pesqueiros e de marisqueo dos que viven numerosas familias, non só do concello de Redondela senón doutros concellos limítrofes, afectando ao ecosistema e, por conseguinte, ao seu medio de vida.

Neste ámbito sitúase o denominado Cargadoiro de Coto Wagner (coñecido como antigo cargadoiro de mineral), elemento protexido, e a súa contorna que se sitúa no catálogo de patrimonio cultural.

Incremento do tráfico pesado na zona.

O proxecto prevé dotar de acceso rodado á explanada, o que suporía cargar toda a zona de circulación de tráfico rodado pesado, a tal efecto no informe elaborado polo Concello inclúense recreacións realizadas polo arquitecto Carlos Falagán Mota, servizo encargado polo Concello de Redondela, onde se pode observar o enorme impacto visual que suporía nunha zona patrimonial e medio ambiental protexida.

 

Transparencia e participación no proceso

Dende que o Concello de Redondela tivo constancia desta consulta do Ministerio, a Alcaldía e a Concellería de Medio Ambiente mantiveron informados aos representantes da veciñanza dos pasos que se estaban a dar, concretamente á Plataforma en defensa da Enseada de San Simón ,que leva anos reclamando un uso público desta zona e a desafección industrial da mesma. Houbo xuntanzas para informar e intercambiar pareceres, estudáronse e tívose en conta a contestación a este proxecto que preparara a Plataforma cos seus medios e que entregaran por rexistro no Concello.

O martes 20 de Agosto, nunha xuntanza solicitada pola Plataforma, a Alcaldesa e o Concelleiro de Medio Ambiente adiantaron de xeito confidencial aos representantes da Plataforma unha copia deste informe de 11 páxinas elaborado por técnicos do Concello.