Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello desprega en contra dos recortes no ensino público que afectarían ao IES Mendiño

Concello de Redondela
22-08-2022
0
 O Concello desprega en contra dos recortes no ensino público que afectarían ao IES Mendiño

O Goberno local, contundente á hora de rexeitar a diminución de profesorado no IES Mendiño e apoiar “un ensino público de calidade”

Unha pancarta despregada no balcón ca Casa do Concello, deixa ben clara a postura do Goberno que preside Digna Rivas de “non admitir ningunha medida que pase pola diminución de persoal docente e, consecuentemente, a calidade do ensino que reciben os nosos fillos e fillas”

 

Redondela, 22 de Agosto de 2022

“Diminuír o profesorado do IES Mendiño é hipotecar o futuro dos nosos fillos e fillas condenándoos a recibir un ensino de menor calidade”, asegurou hoxe a alcaldesa Digna Rivas ao dar a coñecer a postura do Goberno que preside de apoiar “sen ningún tipo de reservas” todas as medidas que, dentro da legalidade vixente, adopten as nais e pais “para impedir unha medida tan arbitraria como inxusta”.

A Casa do Concello exhibe, dende hoxe, unha pancarta na que se pode ler Non ós recortes do ensino público IES Mendiño. Rivas foi clara ao sinalar que a medida que se pretende levar no IES Mendiño, un dos catro con que conta o municipio redondelán, “non é mais que o reflexo das políticas de sistemático desmantelamento do ensino público que leva a cabo do goberno do PP na Xunta de Galicia”.

“Por moito empeño que teña o persoal docente en manter o nivel de calidade do ensino, é imposible facelo se cada vez son menos os e as docentes e, por ese motivo e tal e como alertou a ANPA no seu momento, algunhas das aulas vaian sobrepasar o número de 30 alumnos”, afirma a rexedora local.

Digna Rivas amosara hai días, o seu firme rexeitamento a esta medida no mesmo momento en que foi dada a coñecer pola ANPA “xa que, pese a todos os nosos intentos, a Concellería segue sen dar resposta aos reiterados escritos que lle diriximos solicitando información sobre este asunto”. Daquela a alcaldesa de Redondela aseguraba que era unha medida “carente de toda lóxica” e que vai reperturir negativamente na calidade do ensino e a desatención do alumnado con necesidades específica.

Mentres, a ANPA do IES Mendiño vén de dirixir un escrito á Alcaldía redondelá solicitando “...que o Goberno local promova unha declaración conxunta de todos os grupos políticos con representación no Concello, rexeitando o recorte de 4 profesores/as proposto pola Consellería de Educación no IES Mendiño para o vindeiro curso escolar”.

Nesa liña, a alcaldesa adiantou que o vindeiro luns está convocada na Casa do Concello unha Xunta de Portavoces de carácter extraordinario coa intención tanto de informar aos grupos da oposición da situación actual tralo anuncio da Consellería coma das medidas que o Goberno local tomará en defensa do ensino público. Amais, trasladarase aos distintos grupos a petición da ANPA de que definan a súa postura fronte este conflito. “Cada quen ten que ser consecuente coa postura que adopte nun tema non que non caben nin ambigüidades nin medias tintas”, di rotunda Digna Rivas.

“Nun tema que afecta á calidade de ensino e polo tanto ao futuro dos nosos fillos e fillas, cada quen debe posicionarse de xeito claro e ser responsable coa postura que adopte”, engade a alcaldesa que espera que o PP local “tome partido polos nosos mozos e mozas, polo seu futuro e polo seu dereito a un ensino público de calidade”.

Doutra banda, o Goberno redondelán amosou a súa sorpresa polo feito que no Pleno da Corporación de Soutomaior e a preguntas da oposición sobre a redución de profesorado no IES do municipio, o alcalde do PP manifestara “ter noticias de que tal diminución non se ía realizar”.

Ese anuncio non é, para a alcaldesa Digna Rivas, máis que a mostra evidente “que a Xunta de Galicia segue a manter a súa clara actitude partidista e discriminatoria facendo primar as cores políticas e transmitindo información privilexiada aos concellos e concelleiros das súas cores mentres que, ao mesmo tempo ignora neste caso, tanto ao Concello de Redondela, lexítimo representante de todas as veciñas e veciños, como a ANPA, portavoz das nais e pais”.

Mentres o alcalde popular de Soutomaior di “ter coñecemento” de que non se vai reducir persoal docente no ensino, o Concello segue a espera que a Consellería teña a “delicadeza institucional” de responder aos numerosos escritos que se lle remitiron solicitando información e ás reiteradas demandas de reunións co conselleiro. Lonxe diso, mantén ao Concello nun “vergoñento silencio administrativo” ao igual que fai coas nais e pais “e prefire que sexan ‘os seus’ os que reciban esa información para tentar obter unha dubidosa rendibilidade ante as eleccións municipais do 2023”.