Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela xa conta co seu primeiro parque de calistenia atendendo ás peticións da mocidade

Concello de Redondela
24-02-2021
0
O Concello de Redondela xa conta co seu primeiro parque de calistenia  atendendo ás peticións da mocidade

As instalacións quedaron hoxe rematadas á espera de que o venres entren en vigor as novas directrices de desescalada da COVID anunciadas pola Xunta.

Redondela deu hoxe por rematados os traballos do que xa é o primeiro parque de calistenia do municipio, unhas instalacións realizadas a petición da mocidade e que poderán ser utilizadas no momento en que entren en vigor as novas directrices de seguridade sanitaria ditadas pola Xunta nunha nova fase de desescalada.

O novo equipamento deportivo, situado a carón do pavillón municipal da Marisma, foi visitado hoxe pola alcaldesa Digna Rivas, acompañada concelleiros de Deportes e Parques e Xardíns, Nacho González e Alberto Vázquez, respectivamente.

Na visita realizada ao novo parque de calistenia, estiveron tamén presentes os mozos de Redondela promotores da iniciativa, feito destacada pola alcaldesa de Redondela ao subliñar que o municipio “conta cunha mocidade activa e implicada, que aporta ideas interesantes e que se preocupa por que o Concello as converta en realidade”.

De feito, a petición trasladada polos mozos foi recollida de inmediato polo concello que, co asesoramento técnico dun ximnasio local, permitiu facer un parque que hoxe foi aplaudido polos mozos “que salientaron a calidade dos materiais empregados e a súa robustez”, explica o concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez.

As novas instalacións contan con todos os elementos requiridos para a prácticas da calistenia: espaldeiras, escaleira horizontal, mesas de lumbares, dominadas, anillas, barra fixa, paralelas, monkey e snakebar. O parque está habilitado para persoas con mobilidade reducida que contarán, amais, cunha escaleira horizontal inclinada e unhas paralelas simples.

A alcaldesa Digna Rivas lembrou que con esta instalación, “vaise completando unha zona deportiva que xa conta cunha pista de baloncesto e un skatepark” e salientou a importancia de dotar á cidadanía, en especial á mocidade, “de lugares de ocio nos que desenvolver actividades deportivas ao aire libre, algo que ten unha extraordinaria importancia en tempos de pandemia como os que estamos a vivir”.