Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Club de Patinaxe Arealonga clasifícase para o Campionato Español tras facerse co título de subcampioas galegas

Radio Redondela
07-03-2023
0
O Club de Patinaxe Arealonga clasifícase para o Campionato Español tras facerse co título de subcampioas galegas

O Club de Patinaxe Artístico Arealonga de Chapela vén de gañar o título de subcampioas galegas no Campionato Galego Grupo Show 2023 celebrado no pavillón vigués de As Travesas a pasada fin de semana. Unha competición que comprendía as diferentes categorías deste deporte (Grupos Grandes, Grupos Pequenos, Júnior, Cuartetos Júnior e Cuartetos Sénior) e onde as de Chapela souberon facerse un oco cunha orixinal proposta. As patinadoras do Arealonga quedaron de segundas clasificadas na categoría Grupo Pequeno Show coa proposta ‘Proyecto Abigail’, un baile inspirado no antigo experimento científico da Área 51 en EEUU. Unha temática diferente que as levou a obter a maior puntuación dos xuíces da Federación Galega de Patinaxe na votación da coreografía. 

O club, que se formou hai apenas 4 anos, está integrados por patinadoras que carecían de experiencia previa neste deporte. Malia ser esta a primeira vez que se presentaban á competición galega “conseguiron chegar tan lonxe grazas ao esforzo, compromiso e constancia que poñen as patinadoras nas 8 horas semanais de adestramentos que precisan”, segundo explica a adestradora e presidenta do Arealonga, Nerea Estévez,

Este logro permitiulles o pase ao Campionato Español de Grupos Show que se vai disputar en Barcelona os días 24, 25 e 26 de marzo. Alí enfrontaranse a outros dous grupos galegos clasificados: O CPA Condado de Salvaterra e o C.P. Oleiros, primeiro e terceiro clasificadas galegas da categoría Show Pequeno.