Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Patrimonio vén de repoñer a sinalización dos xacementos prehistóricos de Monte Penide

Concello de Redondela
22-12-2021
0
A Concellería de Patrimonio vén de repoñer a sinalización dos xacementos prehistóricos de Monte Penide

O proxecto permitiu renovar unha sinalización con oito anos de antigüidade que se atopaba en moi mal estado pola exposición á intemperie e por actos de incivismo

A Concellería de Patrimonio do Concello de Redondela, que xestiona María Castro, deu por rematados os traballos de reposición da cartelería e sinalización dun dos seus grandes bens patrimoniais e culturais: os xacementos prehistóricos de Monte Penide/Mirallo. Na actualidade, a cartelería existente atópase en moi mal estado debido aos oito anos que leva exposta a intemperie e ás accións da luz solar, nuns casos, e as actuacións incívicas noutros. A estes danos engádese a desaparición de todos os postes de dirección colocados nos camiños.

As actuacións, tal e como sinala María Castro, “permitirán a reposición dos vinilos en mal estado que permitan poñer en valor este ben cultural e a colocación dos postes indicadores desaparecidos, que axuden ás e aos visitantes, a localizar estes emprazamentos do xeito máis doado”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembrou que os terreos coñecidos como 'Monte Penide' “teñen unha extraordinaria riqueza arqueolóxica que é preciso conservar e poñer en valor”. De feito, na zona atópase a necrópole megalítica Chan da Cruz/Chan das Formigas, a máis grande de Galicia en canto a número de mámoas e a segunda logo da de Castro Leboreiro (entre Ourense e Portugal). Amais nese mesmo enclave está situado o conxunto de arte rupestre Petroglifos de Monte Penide e o Castro dos Negros.

Coa nova sinalización as e os visitantes poderán non só acceder a estes importantes elementos patrimoniais dun xeito máis doado, senón obter información completa sobre cada un dos elementos a través dos códigos QR de cara un dos carteis indicadores.