Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno local reafirma a súa aposta polo deporte e pola mellora das infraestruturas deportivas

Concello de Redondela
09-08-2021
0
O Goberno local reafirma a súa aposta polo deporte e pola mellora das infraestruturas deportivas

A Concellería de Deporte vén de investir 39.304 euros das baixas do Plan Concellos 2019 na recuperación e mellora da pista e das bancadas do Pavillón Municipal de Porto Cabeiro. O Goberno local de Redondela, a través da Concellería de Deportes que xestiona Nacho González, vén de rematar os traballos de mellora e recuperación da pista e das bancadas do pavillón do CEIP de Porto Cabeiro, instalación de titularidade municipal e que, fora das horas lectivas, é utilizado por diferentes clubs deportivos da parroquia.

Os traballos contaron cun investimento de 39.304 euros das baixas do Plan Concellos do 2019 e reafirman o compromiso do Goberno que preside Digna Rivas co deporte en todas as súas disciplinas para o que é preciso “contar con instalacións axeitadas e dotadas dos materiais máis innovadores que garantan as mellores condicións para a práctica deportiva e a comodidade para o público asistente”.

Seguindo ese criterio de utilizar materiais innovadores, para a recuperación da pista do pavillón do CEIP Porto-Cabeiro, utilizouse o Game-Fix Skating, un revestimento que pola súa calidade e alta resistencia é utilizado para a práctica da patinaxe e que, polo tanto sofre, un menor desgaste coa práctica de calquera outra actividade deportiva. Este tipo de piso está especialmente recomendado para a súa utilización en instalacións deportivas públicas ou de centros de ensino.

Amais da súa resistencia, este piso ofrece unha superficie continua e sen xuntas polo que, á hora da práctica deportiva, redúcese o risco de lesións ao permitir xiros rápidos sen bloquear o pe das e dos deportistas e aliviando as cargas musculares que se lle transmiten.

Nese sentido, o concelleiro de Deportes, Nacho González, sinalaba a importancia non só de arranxar o piso dun pavillón que presentaba bastantes deficiencias, “senón de facelo con materiais que contribúan a garantir a seguridade de todas as persoas usuarias”.

No que as bancadas fai referencia, foron dotadas de 300 asentos de material plástico de alta durabilidade de cara a mellorar as condicións de comodidade do público asistente aos distintos eventos.

O pavillón do CEIP de Porto Cabeiro, de titularidade municipal –motivo polo que se puideron realizar as obras de mellora– é utilizado por clubs e veciñanza da parroquia fora das horas lectivas do colexio durante as que é de uso exclusivo para as labores propias do centro de ensino.