Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Servizo de Normalización Lingüística organiza a proxección da película “Arraianos”, de Eloi Enciso

Concello de Redondela
02-12-2019
0
O Servizo de Normalización Lingüística organiza a proxección da película “Arraianos”, de Eloi Enciso

O Servizo de Normalización Lingüística organiza o ciclo Novo Cinema Galego para este Nadal. Con esta actividade quérese difundir as novas xeracións dedicadas ao cine galego, que ten como protagonista a lingua galega, e que acada numerosos e continuados recoñecementos internacionais, tanto en curta coma en longametraxe.

Este xoves temos unha nova entrega do ciclo Novo Cinema Galego. Será ás 20:30 no Auditorio da Xunqueira, cun prezo de 2€ e un bono de 3€ (que dá acceso ás outras dúas proxeccións restantes, saíndo a entrada a 1€ cada unha).

A segunda película será "Arraianos", que é un filme de Eloy Enciso, un dos expoñentes do Novo Cinema Galego, que acadou premios internacionais como o do Festival de Lorcano ou no BAFICI. Foi proxectado en festivais prestixiosos coma Vancouver, Hamburg ou na Viennale de Austria.

O filme é unha crónica sobre un pequeno lugar perdido nas montañas da fronteira entre Galicia e Portugal, unha comunidade rural que se resiste a desaparecer. Os intres de ficción coexisten coa vida cotiá da veciñanza que, sorprendentemente, interpretan diálogos dunha obra existencialista e lírica chamada 'O bosque', do escritor Marinhas del Valle. Mentres realidade, mitos e soños se confunden, aparece un estraño que anuncia unha profecía.

Dende o SNL consideramos que, ao non haber salas de cine en Redondela, é unha responsabilidade da Administración local ofertar este tipo de actividades a un prezo popular e achegar así produtos culturais de alta calidade.

O ciclo continuará os días 21 de decembro (“Mamasunción”, en homenaxe a Chano Piñeiro, pioneiro do cinema en galego) e o 26 de decembro (“Trinta lumes”, de Diana Toucedo, quen ademais estará presenta para participar nun coloquio).