Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O pintor e restaurador local Angel Barros doa un retrato de Valle-Inclán á Biblioteca Municipal

Concello de Redondela
02-05-2022
0
O pintor e restaurador local Angel Barros doa un retrato de Valle-Inclán á Biblioteca Municipal

Durante a Semana do Libro a biblioteca de Redondela recibiu un verdadeiro agasallo da man do pintor e restaurador local Ángel Barros. Trátase dun retrato sobre lenzo de Ramón María del Valle-Inclán –autor que dá nome á biblioteca municipal redondelá– e que foi enmarcado polo carpinteiro do Concello seguindo as indicacións do propio artista

No acto de presentación deste cadro, que xa está pendurado no lugar de honra que lle corresponde nunha das salas da biblioteca que leva o seu nome, estiveron presentes a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o autor da obra, Ángel Barros; a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e a directora da Biblioteca Elena Becerra.

A alcaldesa Digna Rivas, agradeceu a Ángel Barros este agasallo “que afonda aínda máis no estreito vínculo que une a Redondela e Valle-Inclán”. Nese sentido, a rexedora local lembrou que, hai uns meses, o Concello decidiu trasladar o busto do ilustre autor “antes na praza de Figueroa onde pasaba case que desapercibido, a un lugar onde adquire a importancia que merece, como é á entrada do Multiúsos da Xunqueira, onde está situada a Biblioteca redondelá.

Digna Rivas lembrou que Ángel Barros “está sempre disposto e de maneira altruísta a colaborar coas iniciativas promovidas pola institución”. De feito, as portadas dos libros dedicados ás parroquias, promovidos dende o Servizo de Normalización Lingüística, son tamén obras súas.

Por último, a Alcaldesa indicou que Redondela está comprometida coa obra de Ángel Barros, como consta na declaración aprobada o pasado ano polo Pleno municipal e adiantou que se está a traballar “no proxecto museístico e na documentación para formalizar a entrega da obra de Ángel Barros ao pobo de Redondela”.