Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno local cumpre os compromisos adquiridos co atletismo redondelán coa construción dunha pista no IES Illa de San Simón

Concello de Redondela
05-04-2022
0
 O Goberno local cumpre os compromisos adquiridos co atletismo redondelán coa construción dunha pista no IES Illa de San Simón

A Xunta de Galicia remitiu, onte luns, o convenio de colaboración que permite a realización desta obra que será financiada con fondos propios do Concello e que estará aberta á utilización dos clubs deportivos fora de horas lectivas

“Tíñamos un compromiso adquirido coas e cos atletas de Redondela e este Goberno ten a gala cumprir as obrigas contraídas”, afirmou hoxe a alcaldesa, Digna Rivas, ao dar conta da construción dunha pista de atletismo no IES Illa de San Simón logo de que a Xunta de Galicia remitira, onte luns 4 de abril, o preceptivo convenio de colaboración, documento necesario dado que a pista construirase nunha instalación educativa.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo convenio remitido pola Xunta á que agradeceu “a súa colaboración para que Redondela poida contar cunha pista deportiva acorde ás necesidades dos clubs do municipio”.

Para a construción desta pista de atletismo que será financiada con fondos propios do Concello, a Concellería de Deportes que xestiona Nacho González, investirá de preto de 170 000 euros, partida que será reflectida nos Orzamentos municipais que, nestes momentos, están en fase de negociación cos grupos da oposición.

Os traballos a acometer permitirán dotar ao municipio dunha pista de atletismo de 4 rúas de 90 cm de ancho e unha corda aproximada de 180 metros. Asi mesmo, o proxecto inclúe unha prolongación de rúas que permitan habilitar unha recta de 60 metros, con zona de saída de 3 metros e de freado de 15 metros. A instalación compleméntase cun foxo de salto e demais instalacións propias dunha zona de atletismo como poden ser os círculos de lanzamento.

Amais dos traballos perimetrais da instalación de saneamento e drenaxe, procederase á adecuación da pista polideportiva existente mediante a aplicación dunha pintura que homoxeneíce a actuación, xa que se solapará formigón existente con formigón novo, modificándose a posición da pista.

A alcaldesa explicou que a nova instalación permitirá a usuarias e usuarios, realizar adestramentos “cun pavimento de altas prestacións perfectamente apto para adestramentos cunha pista de 60 metros para carreiras de velocidade e un foxo para salto de lonxitude”.

A raíz do convenio asinado, puntualizou Digna Rivas, a instalación “poderá ser utilizada polos clubs e atletas fora das horas lectivas, polo que a súa construción supón incrementar o número de infraestruturas deportivas con que contamos no municipio”.