Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela aproba en Pleno Extraordinario o convenio de adhesión para o Transporte Metropolitano da Área de Vigo

Concello de Redondela
16-11-2021
0
Redondela aproba en Pleno Extraordinario o convenio de adhesión para o Transporte Metropolitano da Área de Vigo

O Pleno extraordiario da Corporación Municipal de Redondela aprobou este mediodía –cos votos a favor do PsdeG-PSOE, PP e BNG– e o voto en contra de AER, o convenio de adhesión do municipio ao Transporte Metropolitano da Área de Vigo, o que permitirá abaratar o prezo do transporte público para a veciñanza.

O Goberno local subliñou que a aprobación “non se fai ao límite do prazo estipulado, como a algúns interésalles facer crer, xa que o convenio foi remitido pola Xunta de Galicia o 30 de setembro e precisa dunha tramitación que leva marcados os seus tempos”. De feito, lembra a alcaldesa Digna Rivas, a aprobación deste convenio “se está a facer máis ou menos no mesmo tempo que os demais concellos”.

A alcaldesa de Redondela subliñou que o apio do Goberno de Redondela ao convenio “por unha simple cuestión de reponsabilidade e non porque que consideremos que esta sea a solución idónea” xa que, Digna Rivas lémbralle á administración autonómica, que o transporte “é unha competencia da propia Xunta de Galicia e, porén, os concellos temos que financiar o 20 % do seu custe”.

En todo caso o Goberno local reafirmouse na súa política de “apoiar aquelas actuacións que poidan beneficiar á veciñanza, neste caso á súa mobilidade” e salientaron o feito de que o convenio asinado facilita non só a simplificación de prezos e “despenalización dos transbordos, senón tamén a integración entre o transporte interurbano e urbano que beneficia ao conxunto da cidadanía de Redondela”.

Digna Rivas mantén, non obstante, que a xunta debe estudar “de xeito urxente” o proxecto do tren de cercanías que contribuiría a que a veciñanza de Redondela contase cun medio alternativo de transporte o que permitiría unha maior facilidade de desprazamentos “ata o de agora cinguidos, exclusivamente, ao transporte por estrada”.

Cómpre lembrar que en marzo de 2015, formalizouse un convenio inicial coa mesma finalidade, o transporte metropolitano na área de Vigo, ao que se adheriu o Concello de Redondela mediante acordo adoitado polo Pleno municipal en sesión extraordinaria celebrada o 27 de xaneiro de 2015. O convenio tiña unha vixencia ata 31 de decembro de 2019, prorrogado mediante acordo da Comisión de Seguimento ata o 31 de outubro de 2021.