Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela dá voz á Infancia e a Adolescencia ante as próximas eleccións municipais

Concello de Redondela
13-04-2023
0
Redondela dá voz á Infancia e a Adolescencia ante as próximas eleccións municipais

Este xoves 13 de abril o Concello de Redondela celebrou a segunda reunión plenaria do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia correspondente a este curso escolar. A temática deste pleno non era casual, e pretendía dar voz, xa que non teñen voto, a nenos, nenas e adolescentes do noso Concello para expresar as súas preocupacións. Co título: "Propostas imprescindibles ao redor da Infancia e a Adolescencia que deberían incorporar nos seus programas electorais todas as formacións políticas que se presentan ao goberno de Redondela", animaba a escolares de todos os centros de ensino do municipio a expresaren as súas preocupacións e a ofrecer propostas para que, sexa quen sexa que forme o consistorio a partires do 28 de maio, as necesidades da Infancia sexan especialmente atendidas e tidas en conta á hora de elaborar as políticas municipais.

11 centros de ensino do noso concello participaron nesta actividade, que se celebrou no auditorio do Multiúsos da Xunqueira. A alcaldesa, Digna Rivas, oficiou como presidenta da mesma, e concelleiros de todos os grupos políticos con representación no municipio, amén de representantes da Federación de ANPAS, participaron tamén, tomando boa nota das propostas e observacións dos vogais asistentes, representantes de cadanseu centro de ensino.

Durante algunhas das intervencións se fixo boa referencia ao grupo Axentes do Cambio, que tamén traballaron sobre esta cuestión, e que estiveron moi pendentes tanto da preparación como do desenvolvemento desta actividade.

O Consello Municipal de Infancia e Adolescencia é un órgano participativo e de carácter consultivo que serve de representación do conxunto da Infancia e a Adolescencia dentro do municipio, e que se artella a través dos centros de ensino do municipio, en reunións directas cos representantes políticos municipais. Está presidido pola alcaldesa, e ten como vogais adultos aos representantes políticos e das ANPAS.

Axentes do Cambio é o órgano de participación infantil do noso municipio. É un grupo de nenas, nenos e adolescentes que se reúnen para debater, analizar e buscar solucións sobre todos aqueles temas que lles afectan, facendo propostas ao Concello e reuníndose, en ocasións, cos seus representantes. Trátase dun grupo que funciona de xeito paralelo aos plenos do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia.

Redondela, Cidade Amiga da Infancia: Redondela goza dende 2018 do recoñecemento “Cidade Amiga da Infancia”, un distintivo que promove UNICEF en colaboración coa FEMP. Este distintivo implica a demostración fidedigna de que Redondela asenta as súas políticas públicas nun deseño onde se ten en conta a Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena, se promove a participación infantil e adolescente e se establecen mecanismos de coordinación interna do goberno municipal, así como con outros axentes locais, para dar a resposta máis eficiente ás necesidades da Infancia.

O pleno pode verse ao completo na canle de Youtube, seguindo este enlace:

https://youtube.com/live/r6dv1xjnMv0?feature=share