Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Premios Festa dos Maios 2023

Concello de Redondela
02-05-2023
0
Premios Festa dos Maios 2023

Redondela recupera a tradición dos Maios superando os máximos de participación da última década. A alameda de Castelao acolleu hoxe, 1 de maio, a Festa dos Maios que revive o seu maior esplendor despois dunha boa acollida o ano pasado e varios anos de parón pola pandemia. Este ano participaron 29 agrupacións, superando os 19 do ano pasado e os tan só 10 de 2015. Conos e cruceiros, enmarcados na categoría de maio tradicional, compartiron escenario con estruturas máis variadas e sorprendentes na categoría de maio artístico. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción “polo interese e participación deste ano que decaera en anos anteriores e que volve con moita forza.  A Festa dos Maios permite que a veciñanza de Redondela goce na rúa dun momento social moi importante para o municipio. Con case unha trintena de agrupacións demostramos que Redondela é un referente en tradicións, patrimonio e cultura popular”. O Concello, que destina unha axuda de 100 € a cada maio que se presente ao Concurso, outorgou tamén un total de 12 premios repartidos a razón de 3 en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional, e Premio ao maio artístico. Todos eles tiveron as mesmas contías económicas cun un primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro premio de 200 euros. A Festa dos Maios é coñecida polos mensaxes nas letras das coplas, a retranca e a denuncia social. Este ano os temas máis repetidos dentro das coplas foron: os ventres de aluguer pola polémica xerada por Ana Obregón, o fin da guerra de ucraína e a suba dos prezos pola inflación. Tamén houbo momento para a crítica política por achegarse as eleccións do 28 de maio. O terceiro premio dado a Coplas foi para “Maio as Floreciñas”, o segundo para “Maio que Cristo” da Asociación Cultural e Recreativa de Quintela e o primeiro para “Case non chegamos”. En canto aos premios por interpretación, o terceiro posto foi para “Maio Camiñando vou” da Asociación Cultural e Recreativa de Quintela, o segundo para “Maio Ramallada” e o primeiro para “Maio o Carballo 2023” da Asociación O Carballo das Cenpolas (Reboreda). Un dos premios máis populares é o premio a Maio Artístico que este ano foi para “A lenda da Coca” da Asociación Arela de Saxamonde , esta agrupación destacou por levar unha estrutura mecánica que representaba a un danzante matando ao monstruo redondelá coñecido como Coca e facendo que esta botara “fume” pola boca. O segundo premio artístico levouno “Esta noite Muiñada” da Anpa  do CEIP de Cedeira e o terceiro “Os Miudos de Sanmar”da Asociación A Miñoteira (Ventosela). O premio a mellor Maio Tradicional foi para “ai que cono” da Asociación de Mulleres de Arela. O segundo posto de maio tradicional levouno “O cono de Quintela” da Asociación Cultural e Recreativa de Quintela e o terceiro “Case non Chegamos”.