Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Anna R. Figueiredo gaña o I Premio Viadutos de Novela do Concello de Redondela

Concello de Redondela
27-07-2018
0
Anna R. Figueiredo gaña o I Premio Viadutos de Novela do Concello de Redondela

A obra Os bicos feridos impúxose por unanimidades aos demais orixinais presentados nesta primeira edición e será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro outono.

Reunido no edificio do Multiusos da Xunqueira, en Redondela, o pasado luns 23 de xullo, un xurado composto polas escritoras Inma López Silva e Tamara Andrés, as libreiras Mercedes Corbillón e Esther Gómez, e a editora Malores Villanueva decidiu por unanimidade declarar gañadora do I Premio Viadutos de Novela a obra Os bicos feridos de Anna R. Figueiredo.
O xurado salientou a orixinalidade dos temas tratados na novela, a depuración do estilo "poderoso" e "por veces lírico", "a utilización da ironía e a personalidade das voces", así como a complexidade da trama. En Os bicos feridos, a través da historia dunha moza emigrante en Londres vanse debullando temas de fondo calado como a importancia das redes sociais nas nosas vidas, a complexidade das relacións familiares, entre as que destaca a maternidade, a soidade nas grandes cidades ou o medo á morte.


O I Premio Viadutos de Novela está convocado polo Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Xuventude, e conta coa colaboración da Editorial Galaxia. Esta, a súa primeira edición, nace da transformación do Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, que acadaba no 2017 a súa decimosétima, e que estaba considerado un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia (podían concorrer obras de creadores entre os 18 e os 35 anos). Con este mesmo espírito anovador, o Concello de Redondela sobe agora súa aposta no apoio á creación en lingua galega e crea un premio de novela.


Anna R. Figueiredo convértese así na primeira gañadora do premio, dotado con 3.000 euros, e a súa novela Os bicos feridos será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.