Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela presentará o xoves, en Chapela, a Vía Verde

Concello de Redondela
06-05-2021
0
O Concello de Redondela presentará o xoves, en Chapela, a Vía Verde

A actuación é unha das obras estrela da EDUSI Redondela 2020, conta cun investimento de 667.952 € e un prazo de execución de 6 meses

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, presentará este xoves, 6 de maio ás 19 horas na alameda de Chapela, as obras de acondicionamento da vía férrea en desuso para Vía Verde de esparexemento peonil e ciclista. A rexedora estará acompañada polos redactores do proxecto, a empresa NAVES Arquitectura.

“Con esta actuación imos darlle un novo uso ao antigo trazado ferroviario, crearemos un lugar de esparexemento, unha zona deportiva e, ao mesmo tempo, axudamos a fomentar a vida saudable”, destaca a alcaldesa Digna Rivas. Doutra banda, a rexedora local sinala que “os e as visitantes e á veciñanza da zona gozarán dun paseo a pé ou en bicicleta por un medio natural, afastados do tráfico do centro urbano”.

Os traballos previstos inclúen converter nunha praza o antigo apeadeiro para, dese xeito, unir dúas zonas de Chapela que tradicionalmente estaban separadas pola vía férrea.

Durante o acto proxectarase un vídeo con infografías das actuacións previstas. Ademais, a alcaldesa Digna Rivas, dará a coñecer as próximas obras que se van a acometer no marco da EDUSI Redondela 2020; entre elas, a rexeneración urbana da contorna da Praza de Ponteareas; o acondicionamento, adaptación e mellora enerxética oficina Servizos Sociais Chapela e a reforma e mellora enerxética do Mercado de Abastos de Redondela.

Redondela 2020

Redondela 2020 é unha das 84 Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible elixidas en primeira convocatoria polo Ministerio de Facenda e Función Pública, entre 270 candidatas de todo o territorio nacional. Para a súa execución foi aprobado un importe de 6.250.000 €, dos cales 5.000.000 € financiáronse con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e 1.250.000 €, con cargo a fondos propios do Concello de Redondela.