Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Acto de presentación-homenaxe do libro “Estirpe” de X. L. Méndez Ferrín

Concello de Redondela
10-06-2019
0
Acto de presentación-homenaxe do libro “Estirpe” de X. L. Méndez Ferrín

O Concello de Redondela, por iniciativa do seu Servizo de Normalización Lingüística, reedita nos seus 25 anos o libro “Estirpe”, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Con esta inicitiva, a Administración local quere render homenaxe a un dos libros máis relevantes da literatura contemporánea e, a través deste, facer unha homenaxe ao seu escritor.

O acto celebrarase no Auditorio da Xunqueira o vindeiro xoves 13 de xuño ás 19:30. María do Ceo porá a música, haberá un breve recital poético de “Estirpe”, e tomarán a palabra o director de Edicións Xerais, o presidente do Parlamento de Galicia, o Alcalde de Redondela e pechará o propio autor, Méndez Ferrín.

Por todo isto, cada persoa que asista ao acto volverá a casa cun exemplar gratuíto deste poemario. É importante que nas casas haxa libros, nun tempo de tanta lectura virtual en aplicacións móbiles e informáticas. Achegar “Estirpe” é unha forma de difundir e poñer en valor unha relevante obra poética.

“Estirpe” é un canto á conformación histórica do pobo galego onde a natureza, os personaxes históricos e a tradición popular se unen grazas ao poderoso verso de Ferrín. Un libro que amosa claramente o por que é Xosé Luís Méndez Ferrín un dos autores imprescindibles da historia da literatura galega.