Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela presenta o seu estudo de recuperación e conservación da microtoponimia do Concello

Concello de Redondela
29-04-2022
0
Redondela presenta o seu estudo de recuperación e conservación da microtoponimia do Concello

O Concello de Redondela presentou na mañá de hoxe na Casa do Concello, un ambicioso proxecto de recuperación, conservación, estudo e difusión da microtoponimia do municipio, unha iniciativa posta en marcha dende a Concellería de Normalización Lingüística que xestiona a alcaldesa Digna Rivas.

O proxecto trata de minguar a perda da riqueza do patrimonio inmaterial “que corre serio risco de desaparición coa morte de cada persoa maior”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas quen lembrou que a toponimia “é un dos elementos do patrimonio inmaterial valorados pola UNESCO como de especial protección”.

Por unha banda, e grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra, o Concello publicará tres libros que recollen a microtoponimia das parroquias de Cabeiro, Negros e Vilar de Infesta. A autor, Cora Represas, é licenciada en Filoloxía Galega e fixo o estudo do significado de cada un dos microtopónimos.

O traballo de campo, de recollida de cada nome, fixérao hai anos a Cooperativa Tres Pés, de Redondela. Por iso, o concello quixo darlle saída a este traballo para completalo e sacalo á luz. Os libros repartiranse de maneira gratuíta e tamén se poden descargar de balde na web de toponimia.

Esta web (toponimia.redondela.gal), que tamén contou co apoio da Deputación, recolle xa 350 topónimos das citadas parroquias. A novidade, con respecto a a outras webs de toponimia, é que cada microtopónimo trae unha explicación. O concello quere facilitar a xente o coñecemento da toponimia, a súa historia e localización. Nesta web, ademais de descargar os libros, tamén hai unha ligazón ao proxecto da Real Academia Galega e Xunta de Galicia, "Galicia Nomeada", onde o SNL vai cargando cada microtopónimo nun mapa para a súa consult apública.

Por último, e como resultado do traballo colaborativo entre os equipos de dinamización lingüística dos institutos de Redondela e o SNL, presentouse unha unidade didáctica. Esta proposta, dirixida aos cursos da ESO e Bacharelato, quere facer partícipe á comunidade escolar (alumnado, profesorado e familias) na toma de conciencia da importancia da toponimia, insistindo nesa liña de especial protección do patrimonio inmaterial.