Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela presenta a programación das Festas da Coca 2022 que se celebrarán entre o 15 e 19 de xuño

Concello de Redondela
06-06-2022
0
Redondela presenta a programación das Festas da Coca 2022 que se celebrarán entre o 15 e 19 de xuño

A alcaldesa Digna Rivas presentou o programa acompañada da concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, e representantes das alfombristas, Danza das Espadas, e “as burras e as penlas”, “os tres piares básicos sobre os que descansa a Festa da Coca”
“Volvemos con forza, deixamos atrás tempos tristes e, por fin, podemos volver a desfrutar da nosa Festa da Coca nas rúas e coas nosas veciñas e veciños”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela Digna Rivas no acto de presentación do programa da Festa da Coca 2022, celebrado na mañá de hoxe na Praza do Concello.
A rexedora local estivo acompañada por Iria Vilaboa, concelleira de Cultura; Thomas Schwartz López, en representación da Danza das Espadas; Mercedes Mouriño, Margarita Vázquez Perello, María Isabel Díaz Rey e Ángeles Virulegio González como representantes das alfombristas e Miriam en representación das Burras da danza Das Burras e as Penlas.
As alfombras florais, a Danza das Espadas e a danza das Burras e as Penlas foron cualificadas pola alcaldesa redondelá como “os tres piares sobre os que descansa a Festa da Coca. A programación cultural e festiva é tamén importante pero sen eses tres elementos non estariamos hoxe aquí nin estariamos a falar da Festa da Coca”.
Digna Rivas agradeceu a presenza das persoas que representaban a cada unha destas tres “tradicións de Redondela que hoxe podemos volver a desfrutar. Deixamos atrás tempos tristes e duros e podemos volver a gozar dunhas Festas da Coca como sempre foron, con rúas enchidas de persoas e de ledicia”.
O acto inaugural das Festas da Coca 2022 terá lugar o mércores 15 de xuño ás 20 horas, na Praza do Concello, coa lectura do Pregón das Festas a cargo de Pilar Martínez, fundadora da ONG Da Aman. A continuación terá lugar o acto solemne de relevo das Penlas e a homenaxe ás e aos alfombristas María del Camen Iglesias Dos Santos, Fermín Figueroa Veiga, Rosa Soliño Barbeito, María del Pilar González Casas e María Luisa Costal Argibay. No acto tamén será homenaxeado José Ramón Núñez Martínez (Danza das Espadas).
O programa elaborado para esta primeira Festa da Coca pospademia, “variado e apto para todos os públicos”, tal e como o definiu a alcaldesa Digna Rivas, ten a música como gran protagonista con concertos –todos eles no Campo da Feira– do Grupo América (mércores 15 de xuño, 22 horas); Orquestra Marbella (xoves 16 de xuño, 22 horas); o grupo local Chaleco Reflectante (venres 17 de xuño, 21:30 horas); Dakidarría (venres 17 de xuño, 22 45 horas); Los Secretos (sábado 18 de xuño ás 22 horas); Orquestra Ritmo Joven (sábado 18 de xuño ás 23:45 horas); e finalmente El Combo Dominicano (domingo 19 de xuño ás 22 horas).
Doutra banda, a Orquestra de Saxos de Redondela ofrecerá un concerto o mércores 15 de xuño ás 19:30 horas na Praza do Concello, mentres que unha das músicas máis tradicionais, como é a música de banda, terá un claro protagonismo cos concertos que na Alameda Castelao ofrezcan a Banda de Música Municipal de Redondela (xoves 16 de xuño, ás 18 horas); Banda de Música de Arcade (sábado 18 de xuño ás 18 horas) e Banda de Música de Chapela (domingo 19 de xuño ás 18 horas).
Na noite do mércores 15 de xuño ao xoves 16 de xuño, terá lugar a confección das tradicionais alfombras de flores que encherán novamente as rúas redondelás de colorido e aromas florais e que permitirán que, o xoves 16 de xuño, Redondela esperte adobiada de auténticos tapices naturais para dar chegada a un día cargado de actos. Ás 12 horas terá lugar o Desfile da Coca, cos Mordomos e Dianiños acompañada por Xigantes e Cabezudos e o grupo de gaitas Son do Castro. Logo da Misa Maior (Igrexa de Santiago de Redondela ás 12 horas) terá lugar a Procesión polas rúas adornadas coas alfombras de flores, acompañada pola Banda de Música de Redondela e deseguido A Danza das Espadas e das Penlas na Praza da Constitución.
As alfombras florais tamén serán protagonistas o sábado 18 de xuño xa que será cando se elaboren nas rúas de Vilavella.
E, como recalcaba a alcaldesa Digna Rivas, un programa “para recuperar a ledicia e a festa na rúa da que nos privou a pandemia” e nese sentido lembraba a rexedora local a celebración –suspendida pola crise do coronavirus– do Encontro de Baile Tradicional Galego.