Os eventos culturais do Concello de Redondela continúan no Outono cunha variada programación para todos os públicos
As actividades culturais organizadas polo Concello de Redondela non se deteñen, e continúa este outono cunha programación variada e extensa que pensada para todo dipo de públicos e que aposta por achegar as actividades tamén ás parroquias. Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, sinala que este municipio "sempre se caracterizou por ter unha gran vida cultural, e a programación deste outono estará á altura". As actividades deste outono prolongaranse ata final de ano "con concertos, teatro, exposicións, espectáculos de humor e cun lugar destacado tamén para celebracións tradicionais como os magostos ou o Samaín", apunta a rexedora.
PROGRAMACIÓN INFANTIL E FAMILIAR
A Concellería de Cultura que dirixe Rita Pérez presentou a programación cultural deste trimestre–outubro/decembro–, cun conxunto de actividades moi variadas e para todos os públicos "que non se limitará aos espectáculos na vila senón que tamén conta cunha interesante oferta nas parroquias".
Para os máis pequenos a programación ofrece o concerto de Pakolas que estrea "Contos, cores e rock&roll coa Ramona pequena" o 3 de novembro no auditorio da Xunqueiora, o espectáculo cómico e circense de Teatro ao Cubo, o 3 de decembro no Multiusos de Chapela ou a música da Gramola Gominola o 10 de decembro en Redondela. "Trátase dunha oferta de gran calidade para o público infantil e familiar con artistas galegos de renome", sinala a edil.
BATALLA DE RANDE
No programa ten un lugar destacado o X Acto de Conmemoración da Batalla de Rande, “onde lembramos un feito histórico do que foi testemuña a nosa enseada e que se celebrará os días 14, 21 e 22 de outubro organizado pola Concello de Redondela e a Asociación Deportiva e Cultural de Rande”, explica a alcaldesa, con actividades tanto en Redondela como en Rande.
MAGOSTOS E SAMAÍN
A celebración de festas tradicionais como o Magosto é outra aposta clara da concellería de Cultura e que se extende máis aló do centro urbano chegando tamén as parroquias: “En Chapela celebrase o 28 de outubro, o 11 de novembro en San Martiño de Ventosela e o 19 e novembro a festa será na Alameda de Castelao". O Concello pretende así poñer en valor "unha celebración moi importante e de gran arraigo en Galicia para que a disfrute o maior número de xente posible”, explica Rivas.
No caso do Samaín a concellaría de Cultura prepara unha xornada completa de actividades que se reparten en diferentes lugares para conmemorar a Noite de Defuntos. O 31 de outubro desde as 17.00 horas celebraranse obradoiros de cabazas e de maquillaxe e tatuaxes de terror tanto no Multiusos da Xunqueira como no de Chapela. A Alameda Castelao acollerá tamén un "Túnel do Terror" para rapazada a partires dos 12 anos, así como o espectáculo "Pesadelos", de Troula Animación no Palco da Música. O pasarrúas "Matilda a araña xigante" percorrerá o centro da vila e os que queiran emocións fortes poderán participar nun "Scape Room" no Multiusos da Xunqueira onde terán que tentar escapar superando diferentes probas e retos. Pérez Táboas advirte que os máis atrevidos poderán percorrer a vila coa visita teatralizada Noite de Defuntos "na que poderán vivir as lendas, supersticións e crenzas desta noite tan especial da tradición galega".
HUMOR NA SÚA TINTA
O ciclo de comedia "Humor na súa tinta" chega á súa VII edición no auditorio da Xunqueira. Logo do éxito de público acadado en anos anteriores a concellería de Cultura segue a apostar por estes espectáculos e monólogos "porque a veciñanza ten demostrado que quere rir e divertirse", sinala a concelleira. A primeira das citas será "O musical dos 80' e 90'", unha comedia musical orixinal e divertida que poderá verse o 22 de outubro. En novembro a cita será o día 12 con "Ocho apellidos andaluces" con catro cómicos do sur que ofrecerán "moito salero, ironía e grandes doses de improvisación". A actriz, cómica e presentadora Beatriz Rico será a protagonista do ciclo o 17 de decembro co monólogo "Pepa, no me des Tormento". O 2014 comezará co "First Comedy Date" o 14 de xaneiro e pechará o ciclo de "Humor na súa tinta" o compoñente da banda da Resistencia Grison Beatbox "En bucle" o 4 de febreiro.
MÚSICA
A programación Cultural contará coa mellor música e cunha aposta clara polos grupos e artistas locais e doutros puntos de Galicia. Destacar o concerto de Uxía Trío o 18 de novembro, o do redondelán Alberto Vilas o 9 de decembro no que presentará o seu último traballo "Once cancións e unha danza", ou a actuación do Grupo Ghaveta o 16 de decembro. Pérez Táboas salienta "o gran talento dos intérpretes e músicos da terra en diferentes estilos con propostas de gran calidade feitas en Galicia e en galego".
FESTAS PRE FIN DE ANO
Tanto Redondela como Chapela gozarán dunha festa previa á despedida do ano con grandes orquestras. O paseo marítimo de Chapela acollerá a actuación de Olympus o 29 de decembro, mentres que París de Noia é un ano máis a orquestra escollida para a celebración pre fin de ano en Redondela, no campo da feira, o día 30 de decembro