Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello abre, dende hoxe e ata o 3 de xuño, a inscrición dos campamentos do Programa Municipal de Conciliación

Concello de Redondela
24-05-2022
0
 O Concello abre, dende hoxe e ata o 3 de xuño, a inscrición dos campamentos do Programa Municipal de Conciliación

O Goberno socialista mantén a súa aposta pola realización deste programa durante todo o mes de xullo e agosto “ofertando preto de 500 prazas totalmente gratuítas nos meses que por mor das vacacións estivais, son nos que as familias máis precisan de actividades que lles permitan conciliar a súa vida laboral”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Redondela, 24 de maio de 2022

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Igualdade que xestiona Iria Vilaboa, vén de anunciar a apertura do prazo para que as familias interesadas poidan inscribir aos seus fillos e fillas, con idades entre 3 e 12 anos, nos campamentos de verán que se desenvolven ao abeiro do Programa Municipal de Conciliación. O período de inscrición, que se abría hoxe 24 de maio, permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de xuño.

A alcaldesa de Redondela, subliñou o feito que como en anos anteriores e fronte a anteriores Gobernos conservadores que só ofrecían un mes en verán, “optamos por ofrecer esta actividade totalmente gratuíta e imprescindible para as familias, durante dous meses enteiros e apostando pola súa realización nas parroquias para minimizar os desprazamentos e os inconvenientes que iso supón”.

O Programa Municipal de Conciliación, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, ofrece un total de 480 prazas totalmente de balde coa que se reafirma a aposta do Goberno socialista que preside Digna Rivas por esta actividade “como ferramenta para permitir a conciliación da vida laboral das familias na época na que as pequenas e pequenos teñen vacacións escolares”.

Do total de prazas, 280 serán para a quenda do mes de xullo e 200 para o mes de agosto. A distribución, apunta Digna Rivas, “atende á experiencia dos anteriores anos que demostra que no mes de agosto, a demanda é menor, polo que se reforzan as prazas para o mes de xullo”.

Ao igual que se fixo o pasado ano, mantense o formato de desenvolver os campamentos nas parroquias, de cara a faciliar a participación dos nenos e nenas independentemente do lugar onde residan reducindo a necesidades de facer desprazamentos.

As prazas ofertadas para o mes de xullo serán 50 para as actividades que se desenvolvan no CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro, EEI de San Pedro de Cesantes, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda e Conservatorio Municipal de Música 'Víctor Ureña'; 30 prazas para as que realicen no CEIP de Cedeira e Pavillón de Reboreda e 20 prazas para o CEIP Plurilingüe de Quintela.

No mes de agosto destinanse 30 prazas para CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro; CEIP de Cedeira, EEI de San Pedro de Cesantes, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, Pavillón de Reboreda, Conservatorio Municipal de Música 'Víctor Ureña' e 20 prazas para o CEIP Plurilingüe de Quintela.

A Concellería mantén, ao igual que en anos anteriores, a posibilidade de inscribirse por quincenas en lugar de facelo por mes enteiro atendendo, desta forma, ás necesidades das familias “que non precisan todo o mes e posibilitando polo tanto, que poidan participar nos campamentos un maior número de nenos e nenas”, explica a alcaldesa de Redondela.

Finalmente, a Concellería de Igualdade, de cara a axilizar o proceso de inscrición e facerllo máis doado ás familias interesadas, reduce trámites e “papeleo”.