Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A proxección de «Acorda» abre o programa de actos que o Concello desenvolverá durante o Mes da Memoria

Concello de Redondela
29-03-2022
0
A proxección de «Acorda» abre o programa de actos que o Concello desenvolverá durante o Mes da Memoria

A proxección terá lugar este venres, 1 de abril, no Multiúsos da Xunqueira nunha iniciativa que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra

A proxección do documental ' Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra', este vindeiro venres día 1 de abril, ás 19:30 h no Auditorio do Multiúsos da Xunqueira, marcará o inicio amplo abano de actividades que o Concello de Redondela desenvolverá ao longo do mes de abril arredor da memoria histórica.

Para a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a memoria histórica “é unha extraordinaria ferramenta non só para lembrar o que pasou durante a guerra e a posguerra, senón tamén para evitar que un horror semellante volva a acontecer”.  “Non aprender do acontecido durante eses anos ou tentar ocultar ese escuro capítulo da nosa historia, é o camiño máis curto para volver a cometer os mesmos erros”, afirma a rexedora redondelá.

O documental que abre o programa, amosa lugares estreitamente vinculados á memoria histórica –entre eles a illa de San Simón– e feitos históricos relacionados coa represión franquista na provincia pontevedresa. Nesta peza audiovisual participan recoñecidas voces de artistas do panorama musical galego como Uxía Senlle ou Tanxugueiras.

Os actos, organizados dende o Servizo de Normalización Lingüística, departamento dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, terán como elemento central a homenaxe institucional do Concello de Redondela ás mulleres da Illa de San Simón que se celebrará o venres 22 de abril. Cómpre lembrar que esta homenaxe tivo que ser adiado, o pasado inverno, por mor da pandemia.

Agora o Concello conta con poder celebrar este evento, como peche do ano das mulleres, con toda a solemnidade que o acto require e contando coa participación das familias.

A programación do Mes da Memoria continuará o día 28 de abril, tamén ás 19:30 no Multiúsos da Xunqueira, cun obradoiro musical que correrá a cargo do recoñecido músico e activista cultural Xurxo Souto. Esta actividade recupera a tradición musical previa á guerra e que foi frustrada pola contenda bélica.

Finalmente, durante o mes de maio na sala de exposicións da Xunqueira se colocará a exposición de "Acorda", que recolle o material do documental.

Cómpre lembrar que todas as actividades son gratuítas e a entrada é aberta até completar capacidade.