Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Multiúsos da Xunqueira acolle este sábado 2 de abril a proxección «O Gran Camiño» dentro do Ciclo Mestre Mateo

Concello de Redondela
29-03-2022
0
O Multiúsos da Xunqueira acolle este sábado 2 de abril a proxección «O Gran Camiño» dentro do Ciclo Mestre Mateo

O Concello Redondelán adhírese á iniciativa impulsada pola Academia Galega do Audiovisual e apoiada polas catro deputacións que permite achegar á veciñanza o máis destacado do audiovisual galego actual

 

A proxección de 'O Gran Camiño' este vindeiro sábado 2 de abril, ás 19:30 horas no Multiúsos da Xunqueira, será a encargada de abrir o programa de proxeccións do Ciclo Mestre Mateo. Circuíto de Cinema Galego, unha iniciativa promovida pola Academia Galega do Audiovisual e apoiada polas catro deputacións galegas e á que está adherida o Concello de Redondela.

A razón unha proxección ao mes –agás xullo e agosto– o Ciclo Mestre Mateo permitirá á veciñanza gozar das películas finalistas dos premios do audiovisual galego Mestre Mateo, galardóns que destacan as obras de maior calidade na produción audiovisual durante o ano.

“Redondela non podía permanecer ao marxe dunha iniciativa cultural de calado como a que representa o Ciclo Mestre Mateo”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas quen pon en valor o feito que este ciclo de proxeccións “permite á cidadanía acceder a unha programación cultural de calidade, que favorece o achegamento á nosa cultura e ao noso idioma a través do audiovisual”.

As próximas proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, cuxos títulos daranse a coñecer á medida que se aproximen as datas, están previstas para os sábados 23 de abril e 21 de maio, domingo 26 de xuño e os sábados 17 de setembro, 22 de outubro, 19 de novembro e 3 de decembro. Todas as proxeccións terán lugar no Multiúsos da Xunqueira en horario de 19:30 horas.

O Gran Camiño

O Gran Camiño, dirixido por Alba Prol e Raúl García, narra a súa experiencia percorrendo as grandes rutas a pé do mundo: o Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo. Unha viaxe de miles de quilómetros que trata temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta.

Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental e seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais, o filme foi recentemente recoñecido co Premio Abanca ao impulso da sostibilidade que outorga a Academia Galega do Audiovisual “por tratar o coidado do noso planeta desde unha perspectiva global, destacando os recursos e valores da contorna natural, patrimonial, paisaxística e ambiental a través dun relato de aventuras que acaba revelándonos partes esenciais da natureza do ser humano”.